A marca amosa o compromiso do Goberno municipal e dos profesionais do sector co produto que chega á lonxa da cidade
O selo de orixe Peixe da Lonxa da Coruña xa foi solicitado por máis de 60 profesionais para incorporalo aos seus negocios. Esta marca impulsada polo Concello da Coruña en colaboración coa Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS) ten como obxectivo por en valor o peixe que chega aos peiraos da cidade e que se comercializa na nosa lonxa.
Polo de agora 65 minoristas, exportadores, poxadores e pequenas empresas solicitaron os distintivos para ter nos seus negocios os selos de Peixe da Lonxa da Coruña. A maioría atópanse na cidade, pero tamén hai peticións doutros puntos da xeografía galega. O único requisito para integrarse nesta marca e garantir que os exemplares que se venden saen da lonxa coruñesa, instalación líder en descarga de peixe fresco, con máis de 33.000 toneladas ao ano e un valor de produto de máis de 60 millóns de euros.
Por outra banda, xa hai 15 restaurantes da cidade que solicitaron incorporarse ao selo de orixe. Esta marca esta destinada tamén á hostalería que utilice nas súas elaboracións estes exemplares chegados á lonxa. Entre as empresas que o solicitaron destacan locais con ampla tradición na elaboración de peixes.
Desde o Concello estase a facer unha intensa campaña de captación para este novo selo. Desde que se presentou na praza de Lugo o pasado 3 de decembro comezouse a distribuir 3.000 pinchos identificativos para as peixerías, 7.500 carteis, 5.000 dípticos e 700 placas informativas.
O Goberno municipal de Inés Rey busca con esta iniciativa fortalecer o sector pesqueiro coruñés e apostar pola calidade do produto de proximidade, que repercute directamente na economía local. Ademais, este selo permítelle á clientela coñecer a orixe do peixe que merca nos mercados, peixerías e demais comercios da cidade, ademais do que consume nos seus restaurantes.