Friday 22 de November de 2024

Labañou estrea a nova pista multideporte da praza da Tolerancia, orientada á práctica de baloncesto e futbito


A instalación, na que se investiron máis de 196.000 euros, completa un novo espazo de ocio no barrio de Labañou co parque biosaudable de Almirante Romay

Inés Rey: “Con esta nova infraestrutura amosamos o noso compromiso co deporte na rúa e o deporte nos barrios”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou hoxe a nova pista multideporte da praza da Tolerancia, situada no barrio de Labañou, un proxecto municipal que supuxo un investimento de máis de 196.000 euros e que supón unha completa remodelación do espazo.

O recinto está ideado para a práctica de disciplinas deportivas como o baloncesto 3×3 ou futbito, para o que se dispuxeron canastras e porterías de tamaño específico para o fútbol en espazo reducido. Integra, ademais, unha pista anexa ademais da multideporte, actuación para a que se empregou unha base de formigón armado rematada en resina sintética. A instalación dispón de bancos perimetrais e conta co equipamento deportivo necesario.

A alcaldesa foi hoxe a autora da canastra inaugural da pista. A estrea do espazo, á que tamén asistiron os concelleiros Mónica Martínez e Juan Díaz Villoslada, organizouse cunha serie de actividades deportivas durante a mañá. Comezou cun torneo 3×3 mixto nas pistas de baloncesto. A gran final estivo arbitrada por Carlos Cortés, o único coruñés que exerce na máxima categoría nacional, a Liga ACB. Tamén houbo unha exhibición de tiradas triplas por equipos con xogadoras e xogadores do Basquet Coruña, Maristas e Basketmi. O evento tamén contou cunha exhibición de baloncesto en cadeira de rodas por parte dos xogadores do Basketmi Ferrol e outra na que participaron xogadores e xogadoras do resto de equipos e os nenos e nenas participantes no torneo.

Durante a xornada houbo un sorteo de material deportivo e entradas para partidos dos tres equipos que participaron na iniciativa. A Concellaría de Deportes tamén repartiu vales para mercar material deportivo.

“Con esta nova infraestrutura amosamos o noso compromiso co deporte na rúa, o deporte dos barrios, o deporte que practican as nosas fillas e fillos ao saír do colexio e atoparse coas amigas e amigos no parque”, sinalou a alcaldesa Inés Rey durante o acto. “Hoxe é un día de festa e alégrome de ver a tantos nenos e nenas probando por primeira vez estas instalacións. Tede claro que o Concello da Coruña continuará mellorando e ampliando os equipamentos deportivos da nosa cidade”, apuntou Rey.

Este proxecto, deseñado para contribuír á dinamización do barrio de Labañou coas novas infraestruturas deportivas, completa un espazo de ocio no que tamén se integra o parque biosaudable da praza Almirante Romay, que inclúe distintos aparatos de ximnasia para que as persoas maiores poidan facer exercicio físico, proxecto que o Concello rematou en novembro do ano pasado. O Goberno local de Inés Rey afonda con esta actuación no seu compromiso coa práctica do deporte nos distintos barrios da cidade a través de infraestruturas renovadas para a práctica de diferentes disciplinas.