“Non se pode trasladar a responsabilidade aos cidadáns do que non teñen feito as administracións”
Demanda reforzar a sanidade pública, a atención primaria e as condicións do persoal sanitario para que o sistema non colapse
A alcaldesa, Inés Rey considera que non se pode trasladar aos cidadáns a responsabilidade do que non teñen feito as administracións. “Estamos nunha situación esperada, a da convivencia co virus. Durante un ano e medio as autonomías tiveron tempo para prepararse para a convivencia co virus e iso pasa por reforzar a sanidade pública, con máis persoal e cunha mellora da atención primaria para non saturar os hospitais e para que exista unha maior detección precoz dos casos de COVID”, indicou Rey. A alcaldesa acusou á Xunta de non ter feito ese reforzo, “non cumpriu coa obriga que tiña como administración autonómica, non fixo os deberes” apuntou.
Rey destacou que os cidadáns cumpriron con madurez e exemplaridade todas as normas que foron establecendo as autoridades sanitarias. En palabras de Inés Rey “resulta complexo de explicar no 2021 que, a pesar de todos os esforzos feitos polas e polos cidadáns (confinamentos, limitacións, ERTES, vacinación) teñamos que actuar como se estivésemos en 2020, cando afortunadamente a presión hospitalaria e o número de falecidos é moito menor”.
Respecto a máscara en exteriores a alcaldesa destacou que “a xente xa emprega maioritariamente a máscara en exteriores” e subliñou que “ a sociedade é madura e non se lles pode trasladar a responsabilidade das medidas a tomar para a convivencia co virus”.
En relación ás novas medidas a adoptar sobre as celebracións de fin de ano e as cabalgatas, a alcaldesa pediu coherencia e que non se improvise. “ Pido coherencia e claridade e que non se improvise, sempre respectei e fixen cumprir as normas establecidas polo comité clínico, mais esixo coherencia e que non se improvise porque somos os concellos os que temos que executar as normativas. Que se tome a decisión canto antes e se comunique. Se se permiten festas de fin de ano deben permitirse as cabalgatas, e as cabalgatas estáticas non son unha solución dado que provocan unha maior aglomeración de xente” declarou.