Saturday 16 de November de 2024

O antigo colexio de Xaviña xa funciona como Casa do Maior


· O Concello habilitou este inmoble para que puidesen facer uso del as persoas promotoras de proxectos deste tipo.

· Os usuarios e usuarias teñen que ser derivados a través de Servizos Sociais e conta con 5 prazas para unha atención de 8 horas, de luns a venres.

· Sandra Insua destacou que “é moi importante implantar este tipo de iniciativas que achegan servizos esenciais ao rural” e explicou que “tomamos a iniciativa iniciativa de dar utilidade social a un ben municipal”.

O antigo colexio de Xaviña xa funciona como Casa do Maior despois de ser aprobado pola Consellería de Política Social o proxecto presentado por unha das empresas que respondeu á chamada do Concello de Camariñas, que ofertou dúas aulas da planta baixa do edificio como espazo para albergar este servizo.

Este tipo de centros, que permiten achegar ao rural iniciativas similares aos Centros de Día, están financiados integramente pola Xunta de Galicia a través dunha liña de axudas publicada no mes de marzo para a posta en marcha de Casas do Maior.

A Casa do Maior de Xaviña conta cunhas instalacións totalmente equipada, con espazos de lecer, zona de descanso, cociña, posibilidade de facer actividades no exterior… Conta con 5 prazas para unha atención gratuíta e continuada de 8 horas, de luns a venres, podendo quedarse a comer. Os usuarios e usuarias interesadas teñen que ser derivados a través de Servizos Sociais despois da valoración pertinente. Tamén está aberto a persoas que por situacións de soidade ou illlamento a traballadora social valore que poden ser usuarias deste dispositivo. Alí farán actividades ideadas para persoas activas, de socialización, exercicios, potenciación dos hábitos da vida diaria, etc.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “é moi importante implantar este tipo de iniciativas, moi necesarias e demandadas, que achegan servizos esenciais ao rural, fomentado a autonomía das persoas maiores” e explicou que “se fará a coste cero para o Concello a través desta vía, dando ademais utilidade social a un ben municipal”.