Saturday 16 de November de 2024

Máis de 1.200 persoas utilizan xa as novas aplicacións de Coruña Smart City para seguir os eventos culturais da cidade e realizar visitas con realidade aumentada


A información de BiciCoruña é as máis consultada polos coruñeses a través do portal smart.coruna.es, mentres que os datos máis valorados polos usuarios de Open Data son as ortofotosda Coruña de 2012 e 2010

Máis de 1.200 persoas instalaron xa nos seus móbiles as primeiras aplicacións de Coruña Smart City. Trátase das versións para Android de dous apps: unha, con toda a axenda de ocio da cidade e outra, pensada especialmente para mellorar a experencia dos turistas, con visitas guiadas con realidade aumentada.
A aplicación de eventos dispoñible de forma gratuíta para a súa descarga na tenda de Google, conta cunha alta puntuación por parte das persoas que xa gozan dela. Entre os elementos máis valorados, os que xa utilizaron esta ferramenta mostran a súa satisfacción pola rapidez da aplicación e a forma na que se mostran os contidos. A aplicación estará dispoñible tamén nunhas semanas para dispositivos IOS e irá introdución melloras para convertela na axenda de ocio de referencia dos coruñeses. Tanto esta aplicación coma a de visitas guiadas pódense encontrar na web de Coruña Smart City, smart.coruna.es, onde se ofrecen enlaces directos para as súas descargas nos móbiles.
As aplicacións de eventos e visitas guiadas súmanse ao portal de Open Data, en funcionamento tamén dende o pasado 26 de febreiro con máis de 120 fontes de datos.
De acordo coas estatísticas que se mostran e actualizan de forma constante no propio portal, entre os datos máis valorados polos usuarios desta ferramenta encóntranse as distintas ortofotos da cidade dos anos 2012 e 2010. A información que se mostra no portal de Open Dato, e que o Concello pon a disposición de todos os cidadáns para uso libre, irase actualizando de forma constante con novas fontes de datos.
Pola súa banda, a nova web de Coruña Smart City, smart.coruna.es, triplicou as súas visitas dende o lanzamento do proxecto fai pouco máis dunha semana. Con máis de 24.000 páxinas visitas, o portal ofrece información dinámica sobre o estado do tráfico, o prezo das gasolinas, o nivel do encoro deCecebre ou a farmacia de garda máis próxima ao lugar no que se encontra o usuario que accede ao portal. Os usuarios que xa utilizan este portal navegan, de media, máis de tres minutos. A información sobre BiciCoruña e o estado das distintas estacións de aluguer de bicicletas é a máis consultada polos veciños.
Durante o mes de marzo iranse vendo máis resultados do proxecto de cidade intelixente, con novos servizos e ferramentas que se sumarán ás aplicacións de eventos e visitas guiadas, á web de Coruña Smart City, ao portal Open Data, á sede electrónica e ao primeiro parque público con rego intelixente.
O proxecto Coruña Smart City, iniciativa do Concello da Coruña e Emalcsa como solicitante, conseguiu, coa súa novidosa proposta, un cofinanciamento dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases,
a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra
e R, consistiu no deseño e puxo en marcha da plataforma tecnolóxica, á que se chama o cerebro da cidade, e a execución de 14 proxectos piloto.
Dende a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos como o de Mejor iniciativa dunha administración por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Lintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, consolidando A Coruña como unha cidade referente do noroeste español; ou máis recentemente, Mención de Honra á mellor Compra Pública Innovadora 2014 por parte da Comisión Europea que recoñece os procesos de contratación e compra de servizos e produtos máis innovadores de Europa. A Coruña tamén foi seleccionada, entre máis de 300 candidatas, como unha das 6 finalistas ao premio á mellor cidade intelixente da Smart City Expo World Congress de Barcelona 2014.