Friday 22 de November de 2024

Máis de 7000 persoas asistiron este outono aos concertos do programa da Xunta “Música en Salas”


— Un total de 115 solistas e bandas galegas, que suman preto de 400 músicos, protagonizaron os 135 concertos deste ciclo nos 19 espazos participantes

— A Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a asociación Clubtura colaboraron nesta iniciativa de dinamización do sector, que tamén xerou actividade para 40 empresas musicais coa implicación de medio cento de profesionais técnicos

O programa da Xunta de Galicia Música en salas congregou máis de 7000 persoas nos 135 concertos celebrados durante os últimos dous meses nos 19 espazos que se sumaron a esta iniciativa de dinamización do sector. O ciclo, enmarcado na programación do Xacobeo 21-22, foi levado a cabo pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo-Clubtura.

Ao abeiro de Música en salas, 115 solistas e grupos galegos, que suman 395 músicos, presentáronse desde o pasado 4 de novembro diante do público de 12 vilas e cidades. Os propios locais, todos eles de capacidade reducida, foron os encargadas de elaborar as súas respectivas programacións, a través das que amosaron a calidade e a variedade da escena musical galega actual: dende a canción de autor ata o rock, o punk e o trap, pasando polo jazz, o blues ou o swing, pero cun especial protagonismo das sonoridades vencelladas ás bases musicais tradicionais de Galicia.

Ademais de contribuír á recuperación tanto da actividade artística nas salas de música ao vivo como da confianza do público nos espectáculos públicos, este programa implicou tamén unha importante carga de traballo para empresas e equipos técnicos da industria musical, que se traduciu na contratación de 40 empresas e 52 profesionais para a produción destes concertos.

Tras a súa inauguración o 4 de novembro co grupo La Rue na sala coruñesa Garufa Club, Música en salas chegou á súa fin o pasado domingo coa sesión vermú que a Martins Aneiros Band ofreceu no Club Clavicembalo de Lugo. Participaron tamén outros 17 locais destas cidades e de Boiro, Ferrol, Laxe, Melide, Pontedeume, Santiago de Compostela, Vilar de Santos, Cambados, O Grove e Vigo.