Saturday 16 de November de 2024

O Concello da Pobra inicia un novo expediente de licitación para as obras no polideportivo de Venecia


O alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), compareceron en rolda de prensa neste 22 de decembro para explicar a situación actual no referido ao polideportivo de Venecia. Segundo explicaron, nestes días procedeuse a rescindir o contrato coa empresa que resultara adxudicataria das obras da referida instalación deportiva, Construcciones Alea, o que posibilita que se inicie un novo expediente de contratación, valorando o goberno municipal a posibilidade de licitar pola vía de urxencia ou directamente declarar a actuación de emerxencia, que permitiría a adxudicación directa evitando o procedemento de licitación, sempre máis lento. Para isto é preciso un informe técnico sobre o estado actual que certifique o risco de deterioro da construción. Neste caso solicitaríanse un mínimo de tres ofertas ou incluso podería publicarse na plataforma de contratación do estado.

No relativo á motivación da demora, fixeron un repaso de todo o acontecido ata o día de hoxe. No 2017 aprobouse en pleno a partida necesaria para esta actuación, por un importe de 314.000 euros, e no proceso de licitación, cunha duración de arredor de 9 meses, resultou adxudicataria a referida empresa por 231.000 euros, que significa unha rebaixa do 26 %, cualificada polo mandatario local como moi significativa. As obras comezaron en decembro de 2019 coa retirada do falso teito. Parte do cal pretendíase aproveitar e volvelo a utilizar, pero non foi posible debido ao seu mal estado, polo que resultou preciso realizar unha modificación do contrato para ampliar o número de paneis previstos. O rexedor indicou que, a maiores, a empresa tamén solicitaba outras melloras dentro do proxecto, todo isto trasladado en conversas, pero que non se podían aceptar por ser unidades de obra non contempladas no proxecto. Xa no segundo trimestre do 2020 chegou a COVID-19 polo que se paralizou a actividade, solicitando a empresa unha indemnización por esta razón. Tras uns meses, resolveuse a modificación do contrato no verán de 2020, chegando o montante da intervención aos 341.000 euros. O Concello non emitiu acta de suspensión, polo que, transcorridos oito meses, no mes de setembro do pasado ano, a empresa empregou este período para presentar a súa renuncia ao contrato, acompañado dunha solicitude de compensación económica.

A partir de aí comezouse novamente con escritos para intentar solucionar a situación por vía administrativa e recorrendo o Concello a unha asesoría legal externa, o bufete de avogados Óscar Rego, ao que o rexedor agradeceu expresamente o seu traballo. Acordouse así coa adxudicataria, ademais dunha indemnización de 5.000 euros, a renuncia a calquera dereito de reclamación con posterioridade, escrito que se presentou en setembro do presente exercicio, para ser estudado polo persoal técnico do Concello e a día de hoxe xa está resolto ese contrato. Tanto o alcalde como a edil fixeron fincapé en que non se deu antes conta de toda esta situación á veciñanza para non entorpecer as negociacións e expresaron o seu agradecemento pola súa comprensión ás persoas usuarias, así como ao Concello de Ribeira por ceder as súas instalacións para que algúns clubs deportivos da Pobra puideran continuar coa súa actividade. Tamén informaron que se procedeu a alugar un espazo para poder realizar nel algunhas das actividades que empregaban o polideportivo.

Tamén quixeron indicar que a demora na execución da obra non se debe a ningunha decisión política, senón a tódolos problemas técnicos e administrativos que se presentaron durante a tramitación do expediente.