Friday 22 de November de 2024

O inventario de camiños da Pobra actualizarase no vindeiro ano


O Concello da Pobra do Caramiñal procederá no primeiro trimestre do próximo exercicio a actualizar o inventario de camiños municipal, unha vez finalizado o proceso de revisión das preto de mil vías do termo municipal, segundo anunciaron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra).

Destacaron tamén a importancia deste rexistro e da revisión do mesmo por parte da veciñanza, pois constitúe a ferramenta previa que descarga tódolos datos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Tras a publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), os veciños e veciñas disporán de 20 días hábiles para formular as alegacións que consideren oportunas no que respecta a este inventario. Cómpre indicar que as persoas que xa presentaron as súas alegacións nos últimos anos non teñen que volver a repeti-lo proceso.

Para calquera dúbida ou a consulta do inventario, a cidadanía pode dirixirse ao departamento de Urbanismo, situado na planta baixa da casa consistorial.