Adxudicadas as obras de peonalización das rúas Compostela, Alcalde Marchesi e Primavera
Inés Rey: “Na casa Escariz seguiremos a defender a titularidade municipal moleste a quen moleste”
A alcaldesa, Inés Rey, explicou esta mañá os asuntos aprobados na última Xunta de Goberno local deste ano, na que se aprobaron 28 licencias urbanística. Na última Xunta de Goberno ordinaria do ano, Rey fixo balance das autorizacións da área de Urbanismo durante o 2021. En total, foron concedidas 764 licencias de obra, 35 máis que as computadas no ano 2020 e 85 máis que as notificadas no ano 2019.
Trátase do segundo ano consecutivo no que o Goberno municipal incrementa a concesión de licencias. Das 764 concedidas este ano, 187 son no ámbito do Plan Especial de Rehabilitación e Reforma interior de Cidade Vella – A Peixaría, 22 máis que no ano 2020.
“Queda de manifesto que este fixemos un importante esforzo por incrementar o parque de vivendas da nosa cidade e por rehabilitar as xa existentes, acadando o ritmo de concesión de licencias máis alto dos últimos anos”, explicou a alcaldesa.
Durante este ano, ademais, aprobáronse licenzas relevantes, polo importe e a magnitude das obras, como as dos esqueletos sen rematar na rolda de Nelle, a rolda de Monte Alto, a rúa Cancela de Fóra ou as licenzas autorizadas no Ofimático, con 114 vivendas; en Eirís, con 111; e en Someso con outras 100. Do total de licencias concedidas no 2021, 15 foron por valor de máis de 1,2 millóns de euros.
Compostela, Alcalde Marchesi e Primavera
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén a adxudicación de dúas obras relevantes dentro da política de peonalizacións e recuperación de espazos públicos que está a levar a cabo o Goberno de Inés Rey.
Así, invertiranse 820.000 euros na contratación das obras para a peonalización da rúa Compostela, traballos que se executarán nun prazo de seis meses e que foron adxudicados á empresa Rivas Boquete. As obras de peonalización nas rúas Alcalde Marchesi e Primavera, por valor de 861.000 euros e cun prazo de execución de 12 meses, levaraas a cabo López Cao.
Reinicio das obras de recuperación do xardín de San Carlos
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local autorizou o expediente que permitirá, desde mañá, acometer as obras de recuperación do Xardín de San Carlos. O proxecto suporá a recuperación do trazado orixinal do xardín, a substitución dos bancos, a restauración das lanzas de Ciórraga, a colocación da estatua de bronce de Mazarredo e a renovación dunha parte da flora.
Denegación da solicitude da Compañía de Tranvías para revisar a tarifa de cara ao 2022
Ademais, a Xunta de Goberno Local acordou denegar a solicitude da Compañía de Tranvías de revisión de tarifas de cara ao 2022. Rey recordou que hai un proceso xudicial en curso e ata que haxa unha resolución do recurso de casación interposto polo Concello contra a sentenza ditada o 1 de outubro polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), non se abordarán posibles modificacións. “As tarifas do bus non subirán o 1 de xaneiro”, indicou a alcaldesa.
Casa Escariz
Finalmente, Inés Rey explicou tamén que o Concello segue adiante co proceso para facerse coa titularidade da casa Escariz, ben que segundo testamento do filántropo Manuel Piñeiro Pose tiña que pasar a mans municipais. O Concello vén de rexeitar, indicou a alcaldesa, un recurso de reposición presentado polos albaceas para impedir a inscrición da propiedade no Rexistro. “O Concello vai seguir defendendo a titularidade municipal dese inmoble para que sexa da cidade e se poida destinar a usos públicos, defenderemos esa posición moleste a quen moleste”, indicou a alcaldesa.