— Trátase da sexta convocatoria que fai o Goberno galego destas subvencións, que disporán o vindeiro ano da maior dotación económica desde a súa posta en marcha
— No caso das entidades locais, as axudas destinaranse a gastos de esterilización, vacinación, identificación e rexistro dos exemplares así como para comprar alimento
— As entidades poderán destinar os fondos a cubrir os mesmos gastos que os concellos e, a maiores, a campañas de sensibilización e compra de material e equipamento non funxible, como remolques, ‘software’ e dispositivos electrónicos
— Ángeles Vázquez chama á cidadanía a “agasallar con responsabilidade” este Nadal e lembra que as mascotas “non son xoguetes que se regalan e logo se abandonan”
A Xunta de Galicia convocou hoxe dúas ordes de axudas dirixidas a apoiar por un lado aos concellos e, por outro, ás entidades e asociacións protectoras de animais rexistradas na Comunidade, nos gastos que asumen a diario co obxectivo de garantir o coidado, a atención e a manutención dos animais domésticos abandonados que teñen ao seu cargo.
O orzamento global asignado a ambas liñas ascende a 450.000 euros, a maior contía destinada a este fin desde a posta en marcha do programa no ano 2017, tal e como subliñou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco da súa visita á asociación protectora de animais Gatocan, en Coirós.
Tras poñer en valor o traballo realizado en centros de acollida como este, con máis de 15 anos de historia e todo un “referente” polas súas completas instalacións e por ser a única protectora galega que conta con gateiras en parcelas de campo que lle permiten a estes animais vivir en semiliberdade, a conselleira lembrou o esforzo económico realizado pola Xunta nos últimos anos para apoiar tanto ás protectoras como ás entidades locais neste labor a través das seis convocatorias de axudas feitas, por un importe global de 1,54 millóns de euros.
No caso concreto desta última, explicou que, por segundo ano consecutivo, a Xunta decidiu convocar dúas ordes separadas. Unha delas, dotada con 230.000 euros, vai dirixida aos concellos, como administracións responsables da recollida e acollemento dos animais abandonados nos seus municipios; e a segunda, cun orzamento de 220.000 euros, está destinada a entidades inscritas no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.
No caso das axudas dirixidas aos concellos, entre os gastos subvencionables inclúense aqueles relacionados coa esterilización cirúrxica, a identificación mediante microchip e a inscrición no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac), a compra de alimento e a vacinación preventiva e desparasitación, entre outras medidas profilácticas, dos animais de compañía ao seu cargo.
En canto ás subvencións para apoiar ás protectoras, poderán solicitar tamén, a maiores, axudas para a compra de material non funxible co fin de dotar aos centros que xestionan dos medios necesarios para o desenvolvemento do seu labor, entre os que se incluirá, como novidade, a adquisición de remolques para facilitar o transporte dos animais, software específico e dispositivos electrónicos para mellorar a xestión do centro ou equipamento veterinario.
Así mesmo, todas as entidades protectoras debidamente rexistradas na Comunidade tamén poden acollerse á orde de axudas para a realización de campañas de concienciación, promoción da tenza responsable e fomento das adopcións, aínda que non xestionen nin sexan titulares a día de hoxe dunha instalación dedicada a este fin.
Por último, tanto os concellos como as asociacións poderán pedir que se lles subvencionen os gastos antes referidos sempre que os realizaran entre o 1 de setembro de 2021 e o 31 de agosto de 2022. O prazo de presentación das solicitudes abrirase a partir de mañá e rematará o 16 de setembro do vindeiro ano.
Tenza responsable e traballo conxunto
Ángeles Vázquez incidiu na necesidade de que a Xunta siga traballando da man das administracións públicas competentes e daquelas entidades implicadas no coidado e manutención dos animais abandonados en Galicia a través de medidas efectivas como son as ordes de axudas publicadas hoxe.
Así, lembrou que a Lei de protección e benestar dos animais de compañía, que entrou en vigor en xaneiro de 2018, ten dous grandes obxectivos: combater o maltrato en calquera das súas formas e promover o abandono cero na Comunidade a través do fomento das adopcións e da concienciación social sobre a tenza responsable de animais domésticos.
Para avanzar nesta dirección e tendo en conta as datas nas que nos atopamos, a conselleira fixo un chamamento á cidadanía a “agasallar con responsabilidade”, lembrando que cada ano máis do 30% dos animais que se regalan en Nadal acaban abandonados.
“As nosas mascotas non son obxectos nin xoguetes que se regalan e logo se abandonan”, subliñou, para engadir que se alguén está pensando en comprar un animal de compañía, en protectoras como Gatocan atoparán ducias deles agardando ser adoptados e formar parte dunha familia.
Pola súa parte, Beatriz Martín, presidenta e fundadora de Gatocan, lembrou que aínda que a maioría da xente sigue querendo adoptar un cachorro, “os cans e os gatos adultos tamén teñen dereito a vivir e gozar dunha familia”, polo que fai falta concienciar e incidir en que “o importante é a compañía, non a idade” do animal.
Así mesmo, tras agradecer a visita da conselleira a as axudas que convoca a Xunta para apoiar a entidades como a que representa, que foi unha das beneficiarias nas últimas convocatorias, Beatriz animou aos concellos a seguir o exemplo daqueles municipios que están a apostar xa polas colonias felinas controladas na rúa porque, lembrou, “as asociacións poñen o seu traballo gratis e a Xunta os apoia, económica e moralmente”.