― A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou na xornada “A importancia dos plans antifraude nos concellos: da xestión dos fondos europeos á xestión do público”, organizada pola Fegamp
― Natalia Prieto advertiu que os fondos europeos son “unha oportunidade histórica” para Galicia, pero tamén un reto para as Administracións públicas, que deben vixiar o uso correcto das axudas comunitarias
― A Xunta foi pioneira na posta en marcha de medidas de autorregulación para o control dos riscos de corrupción, da man do Consello de Contas
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, puxo a disposición dos concellos galegos o Plan xeral de prevención de riscos de xestión para a execución dos fondos Next Generation, unha iniciativa do Goberno galego a prol da transparencia e exemplaridade no desenvolvemento dos fondos comunitarios.
Natalia Prieto participou por videoconferencia na xornada A importancia dos plans antifraude nos concellos: da xestión dos fondos europeos á xestión do público, organizada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Nese encontro con responsables das entidades locais, a directora xeral de Administración Local recordou que todas as entidades públicas que xestionan fondos europeos Next Generation están obrigadas a dispoñer dun plan de medidas antifraude “para garantir que ditos fondos foron utilizados de acordo coa normativa aplicable”. Os plans teñen que estar aprobados o 30 de decembro, tal e como establece a orde ministerial.
Consciente de que algunhas Administracións locais carecen de recursos para facer fronte a estes requisitos, e de que a tramitación da documentación dificulta, en moitos casos, aínda máis cumprir en tempo e forma cos procedementos, Natalia Prieto puxo a disposición dos concellos galegos o modelo autonómico, dispoñible para a súa consulta no Portal de Transparencia da Xunta de Galicia.
O Goberno galego foi pioneiro na posta en marcha de medidas de autorregulación para o control de riscos de corrupción. Seguindo as recomendacións do Consello de Contas, asumiu voluntariamente mecanismos de seguimento e prevención, situándose “na vangarda da transparencia e exemplaridade”, subliñou Natalia Prieto.
O pasado 10 de decembro, o Consello da Xunta aprobou o Plan xeral de prevención de riscos de xestión para a execución dos fondos Next Generation. Galicia converteuse, dese xeito, na primeira comunidade autónoma en aprobar un documento deste tipo seguindo os requisitos da Unión Europea para o control de posibles fraudes na tramitación e destino dos fondos europeos de recuperación. O Plan será de obrigada aplicación en todas as consellerías, centros directivos e entidades públicas que executen estas axudas comunitarias. Ademais, “incrementará a transparencia na xestión e responderá ás demandas dos cidadáns, que esixen maiores niveis de rendición de contas no exercicio das funcións públicas”, indicou a directora xeral de Administración local.