— O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron hoxe na reunión da Conferencia Sectorial de Turismo entre o Ministerio de Turismo e as comunidades autónomas
— O Plan do Litoral integra 3 Actuacións de Cohesión en Destino promovidas pola Xunta e 10 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino impulsadas por entidades locais
A Xunta e o Goberno central aprobaron hoxe o Plan Territorial Litoral a través do que Galicia recibirá 29,3 millóns de euros de fondos Next Generation entre 2022 e 2024 co obxectivo de mellorar e potencial turístico do litoral galego.
Na Comisión Sectorial de Turismo de hoxe aprobouse este proxecto que o Goberno galego presentou neste mes e que inclúe 3 Actuacións de Cohesión en Destino (ACD) promovidas pola Xunta que contarán cun investimento de 11,3 millóns de euros, xunto con 10 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) impulsados por entidades locais e que recibirán un total de 18 millóns de euros.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron esta mañá por videoconferencia en representación da Xunta nesta conferencia sectorial entre o Goberno central e as comunidades autónomas. No encontro aprobáronse os Plans Territoriais das comunidades no marco da convocatoria extraordinaria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino que, no caso de Galicia, correspóndense co Plan Territorial Litoral.
A Xunta escolleu como prioridade na convocatoria deste ano potenciar o valor da costa galega como reclamo turístico a través de actuacións de conservación nos seus recursos e mellorando as infraestruturas da súa contorna. En concreto, con medidas de sustentabilidade, dixitalización e eficiencia enerxética que se materializan tanto nas ACD como nos 10 PSTD aprobados.
Por unha banda, a Xunta impulsará 3 Actuacións de Cohesión en Destino no marco do Plan Litoral que suporán un investimento de 11,3 millóns de euros: 6,6 millóns en accións para rehabilitar recursos emblemáticos da fachada litoral galega, outros 3,2 millóns na mellora da senda litoral e 1,4 millóns para poñer en marcha infraestruturas e actividades encamiñadas a potenciar Galicia como destino náutico como os minicruceiros costeiros.
Por outra parte, tamén dentro do Plan Territorial do Litoral, os técnicos da Xunta e o Goberno central aprobaron 10 proxectos presentados por entidades locais á convocatoria extraordinaria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino en base a criterios comúns fixados na convocatoria da Estratexia de Sustentabilidade Turística en Destino da Secretaría de Estado de Turismo (SETUR), aliñados cos eixes de transformación do Fondo Next Generation: transición verde e sustentable, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade. Ademais, valoráronse a calidade, coherencia e precisión do proxecto, a vocación turística do destino e o aliñamento coa estratexia de desenvolvemento turístico autonómica e estatal.
Deste xeito, resultaron beneficiarios 2 proxectos impulsados pola Deputación da Coruña -Fragas do Eume e o Xeoparque de Cabo Ortegal. Tamén na provincia da Coruña obtiveron apoio as iniciativas da Asociación para a xestión do xeoparque do Cabo Ortegal para fomentar o ecoturismo familiar na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, xunto cos plans presentados polo concello de Ribeira e pola Asociación Rural de Desenvolvemento Ría de Muros-Noia para impulsar a sustentabilidade nesta zona. Na provincia de Pontevedra resultaron beneficiarias as propostas dos concellos de Sanxenxo, Pontevedra, Baiona, Marín e a da Deputación de Pontevedra para a zona de Condado-Paradanta.
Ademais, Galicia percibirá 7,8 millóns de euros da convocatoria de axudas para implantar melloras en materia de eficiencia enerxética e economía circular en empresas turísticas.