— A campaña ‘Camiño da Reciclaxe’, impulsada pola Xunta e Ecoembes, facilitou a recollida de case 33.000 kg de recipientes de plástico, latas e briks e case 84.000 kg de papel e cartón durante os meses de xuño a setembro
— A ratio de kg recollidos por albergue medrou un 8,6% grazas ao compromiso dos camiñantes e dos 173 ‘ecoalbergues’ participantes nesta iniciativa, onde tamén se repartiron máis de 70.000 bolsas reutilizables para evitar a ‘basuraleza’
— A conselleira de Medio Ambiente agarda que o ano 2022 “sexa o do récord tanto no número de peregrinos coma no de quilos reciclados no Camiño”
Os peregrinos que este verán percorreron os itinerarios do Camiño de Santiago reciclaron 117 toneladas de envases, co que se acada o mellor rexistro desde a posta en marcha da campaña Camiño da Reciclaxe.
Esta iniciativa, na que Xunta e Ecoembes colaboran desde 2016, permitiu recuperar entre os meses de xuño a setembro dese ano 32.867 quilos no contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) e 83.853 quilos no azul (envases de papel e cartón).
Nesta edición participaron un total de 173 ecoalbergues galegos emprazados ao longo de cinco dos itinerarios: o Camiño Francés, o Camiño do Norte, o Camiño Portugués, o Camiño Inglés e o Camiño Primitivo, que se sumou por primeira vez nesta edición.
En relación cos datos por itinerario, no Francés (co maior número de albergues, 101) recolléronse 81 toneladas; no Portugués (34 albergues), 18 toneladas; no do Norte (15 albergues) recicláronse 11 toneladas; o Primitivo (15 albergues) sumou 4 toneladas; e no Inglés (8 albergues), recolléronse 3 toneladas.
Cómpre salientar, así mesmo, que a ratio de quilogramos recollidos por albergue medrou un 8,6% grazas ao forte compromiso dos camiñantes así como dos propietarios dos albergues que se adheriron ao programa. Os establecementos galegos representan un 43% do total de 400 que participan no proxecto entre as cinco comunidades autónomas polas que pasa o Camiño.
A campaña tamén incluía o reparto de 71.600 bolsas reutilizables, para facilitar que os peregrinos puidesen gardar os residuos xerados e depositalos no contedor correspondente, evitando a basuraleza na ruta máis concorrida e antiga de España.
A Xunta e Ecoembes coinciden no éxito desta campaña, co lema Que o Camiño deixe pegada en ti, non ti nel, que acadou un dos obxectivos principais concienciar aos peregrinos na necesaria conservación do Camiño promovendo a reciclaxe.
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou que a celebración dun Ano Santo que por primeira vez ten dúas anualidades, 2021 e 2022, é unha dobre oportunidade para que sexa recordado como “o Xacobeo máis comprometido co medio ambiente da historia”. Así mesmo, desexou que o ano que está a piques de comezar “sexa o exercicio do récord tanto no número total de peregrinos coma no de quilos reciclados no Camiño”.