A responsable galega lembra que nos últimos anos o sistema de xestión de residuos polo que aposta a empresa pública espertou o interese de Croacia, Uruguai, Arxentina, Nova Guinea ou Romanía, así como doutras comunidades autónomas
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou hoxe que a posición consolidada de Sogama como a planta de tratamento de residuos das súas características máis moderna e eficaz de toda Europa permitiu que Galicia se convertera, a día de hoxe, nun referente internacional e nun “espello no que mirarse” para outros países e rexións.
No marco da visita ás instalacións de Cerceda organizada para unha delegación de senadores franceses, a responsable autonómica, que estivo acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, explicou que son varios os países europeos pero tamén do resto do mundo que se teñen interesado nos últimos anos por coñecer in situ o funcionamento interno e as técnicas empregadas no complexo medioambiental.
Neste sentido, Ángeles Vázquez recordou que ao longo das máis de dúas décadas que Sogama leva en funcionamento non deixou de crecer nin de mellorar apostando polas técnicas máis modernas e avanzadas así como pola ampliación dunhas instalacións que se apoian nunha rede composta por 37 plantas de transferencia para dar servizo aos máis de 2,2 millóns de galegos que viven nos 295 concellos adheridos ao seu modelo.
Este crecemento, segundo explicou, fixo posible que a planta de Cerceda poida chegar a tratar, a día de hoxe, 1 millón de toneladas de residuos ao ano, o que lle permitiría na práctica poder asumir todos os residuos urbanos que se xeran no conxunto de Galicia. De feito, as actuais instalacións de Sogama convértena na planta de valorización enerxética con maior capacidade de España —contando tamén coa de Andorra—.
Recoñecemento internacional e modelo de empresa pública
Co fin de explicar en profundidade o funcionamento do complexo de Cerceda, son frecuentes as visitas que se organizan para delegacións tanto internacionais —nos últimos anos recibiu xente de Croacia, Uruguai, Arxentina, República Dominicana, Nova Guinea, Romanía, Brasil ou a República Democrática do Congo, entre outros— como españolas —algunhas das visitas máis recentes foron as do Goberno murciano, a Deputación de Huelva ou o Consorcio de Residuos do Maresme, de Cataluña—.
Este interese internacional, segundo dixo a conselleira, tamén vén avalado polos numerosos premios e recoñecementos recibidos por Sogama. Así, lembrou que o mes pasado o presidente da entidade recibiu en París un dos European Business Awards concedidos este ano en recoñecemento ao seu compromiso medioambiental e como exemplo de economía circular, incidindo en que “os países que máis reciclan son tamén os que máis valorizan enerxeticamente e menos residuos envían a vertedoiro”.
Por último, Ángeles Vázquez quixo resaltar o carácter público da entidade, unha aposta ambiciosa da Xunta no seu momento e que a día de hoxe non só está xa plenamente consolidada, senón que é todo un exemplo de modelo de empresa pública.
Neste sentido, destacou a implicación fundamental nos últimos anos do equipo humano que hai detrás de Sogama —da que dependen 500 empregos directos e outros tantos indirectos— e tamén dos concellos que pouco a pouco foron apostando por este sistema.
Para responder a esta implicación municipal e tras lembrar que a xestión dos residuos sólidos urbanos é competencia dos concellos, a conselleira explicou que o obxectivo da Xunta e de Sogama é apoialos de cara a garantir o cumprimento das directrices fixadas por Europa en materia de reciclaxe e implantación da recollida separada dos biorresiduos a través da creación dunha rede de infraestruturas para garantir a súa correcta xestión e tratamento na Comunidade antes do 31 de decembro de 2023.
Así mesmo, e como outra mostra do compromiso público de Sogama, Ángeles Vázquez referiuse á rebaixa aplicada desde o ano 2019 ao canon que lle cobra aos concellos polo tratamento do lixo. Un desconto que en 2022 suporá un aforro de ata o 20% na factura e grazas ao cal a empresa galega ofrecerá o canon máis barato de toda España.