A Xunta de Goberno Local deulle o visto e prace á proposta de reparto da convocatoria extraordinaria de 2021, que se suma á resolta no mes de abril polo mesmo importe para colaborar co tecido social e deportivo nos gastos que tivesen que afrontar en 2020
Ademais das axudas en concorrencia competitiva, o Concello tamén reservou 41.500 euros para convenios nominativos
A Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá deulle o visto e prace á proposta de reparto da convocatoria extraordinaria de axudas para Cultura e Deportes lanzada o mes pasado polo Concello. A comisión avaliadora ratificou o informe de distribución das subvencións elaborado polo técnico de Cultura, Agustín Pérez, en aplicación dunhas bases que reservaban 3.000 euros para as entidades veciñais e culturais do municipio e outros 5.000 para as que traballan no ámbito deportivo. 8.000 euros en total que se asignaron case por completo -foron 7.999,97-, co obxectivo de colaborar con oito colectivos tanto no financiamento das actividades que organizasen este ano como nos gastos fixos que tivesen que asumir aínda que non tivesen programación. Da resolución informaraselle entre hoxe e mañá ás beneficiarias por correo electrónico, de cara a que aceleren a presentación da documentación xustificativa e poder así cobrar as contías asignadas antes do remate do ano ou a empezos do 2022.
Segundo as bases, as asociacións veciñais e culturais do concello o que dispoñan de local en propiedade poderían obter axuda para os gastos de mantemento, mellora das instalacións e equipamento. Con carácter xeral -teñan ou non local propio- as bases tamén recollían financiamento para gastos de funcionamento ordinario como telefonía, limpeza, papelaría, seguros de responsabilidade civil, etc. As bases citan como gastos subvencionables, ademais, os relativos á prevención da COVID-19 e aqueles orixinados pola organización de actividades propias da entidade.
Para este capítulo o Concello dispuxo dunha partida de 3.000 euros, marcando que a axuda total podería chegar ao 80% do orzamento subvencionable de acordo cos anteriores requisitos. A proposta de distribución elaborada polo técnico cultural en atención ao contido e as fórmulas de cálculo reflectidas nas bases foi ratificada o pasado 7 de novembro na comisión avaliadora -órgano no que teñen representación os tres grupos municipais, aínda que PP e PSOE non asistiron- e, hoxe mesmo, na Xunta de Goberno Local.
Das solicitudes presentadas foi a da Asociación Cultural Brío a que obtivo maior puntuación, habida conta de que, a pesar da situación sanitaria, a entidade foi quen de seguir mantendo a actividade dos seus grupos de baile e mesmo retomar os obradoiros artísticos semanais dirixidos á rapazada. Acompáñana na distribución dos fondos O Castelo de Narahío e Adiante de Igrexafeita, neste caso dirixidos a cubrir en parte os gastos fixos de mantemento.
Entidade |
Cantidade concedida |
Asociación Cultural Brío |
2.358,31 € |
Asociación Veciñal O Castelo de Narahío |
399,92 € |
Asociación Veciñal Adiante de Igrexafeita |
241,76 € |
Axudas para entidades deportivas
Á liña para colaborar coas entidades deportivas, o Concello dedicou un orzamento de 5.000 euros divididos en tres tramos: clubes con instalacións propias, entidades de deportes olímpicos e, en terceiro lugar, outras disciplinas non olímpicas. As valoracións das peticións baseáronse principalmente no número de licenzas federativas, outorgándolle puntuación dobre no caso das femininas.
Ademais, as entidades con instalacións en propiedade tamén puideron solicitar financiamento para o seu mantemento e mellora, ademais da merca de equipamentos (fixouse unha achega de 1.000 euros). Tanto estas como as demais tiveron a posibilidade de incluír na solicitude gastos ordinarios -teléfono, limpeza, papelaría, seguros de responsabilidade civil, etc.-, material de prevención da COVID-19, material deportivo e tamén os gastos derivados da participación en competicións oficiais (licenzas federativas, mutualidades, arbitraxes, etc.).
As beneficiarias neste caso foron cinco entidades: as sociedades de caza de San Sadurniño e Naraío-Igrexafeita, o Club de Fútbol Sala de Santa Mariña do Monte e os dous clubes de fútbol locais, a UDC Naraío -que conta con instalacións propias e con dous equipos en activo-, e o San Sadurniño CF, sen instalacións propias e cun só equipo despois de que as súas formacións de base se integrasen na Escola de Fútbol Irmandiños.
Entidade |
Cantidade concedida |
UDC Narahío |
2.971,42 € |
San Sadurniño C.F. |
1.028,57 € |
S.D. de Caza San Sadurniño |
500,00 € |
S. de Caza Naraío-Igrexafeita |
325,58 € |
Club Fútbol Sala Santa Mariña do Monte |
174,41 € |
Unha vez recibida a comunicación das axudas, os colectivos disporán de 10 días para presentaren a documentación xustificativa esixida. Aínda que esa comunicación se fará oficial por carta, o departamento de Cultura xa enviará hoxe a información por correo electrónico e, de feito, as entidades poderán rexistrar de inmediato a solicitude de pagamento acompañada da declaración doutras axudas recibidas e das facturas e resgardos das transferencias efectuadas, co obxectivo de poder percibir as achegas antes do remate de 2021 ou, como moi tarde, nos primeiros días de 2022.
Os 8.000 euros -menos 3 céntimos en realidade- que se distribuirán agora engádense aos 8.000 asignados en abril pasado, nunha convocatoria dirixida a colaborar cos gastos das entidades durante 2020 e o primeiro trimestre deste ano. Ademais cabe recordar que estas dúas convocatorias se dirixiron única e exclusivamente a colectivos que non dispoñen de convenio nominativo suscrito co Concello, como é o caso do Aldebarán-Intasa, a Escola de Fútbol Irmandiños, a AGFA do Eume e a Asociación Casa do Mel que, en conxunto, percibirán 41.500 euros.
Entre convenios nominativos e achegas das dúas convocatorias de concorrencia competitiva, o Concello de San Sadurniño dedicará ao longo deste exercicio 57.500 euros a colaborar co tecido social e deportivo do municipio.