A instalación recuperou ao longo deste ano o seu ritmo programático con máis dun cento de eventos e aumentou a súa capacidade ata o 100%
O Teatro Colón pechará o 2021 con actuacións para todos os públicos. Dentro da extensa programación de Nadal do Concello da Coruña, un dos seus espazos máis emblemáticos e recoñecibles acolle estes días grandes espectáculos como os concertos de Carlos Núñez e de John Lee Sanders & the Gospel Messengers, celebrados estes venres 17 e sábado 18.
Unha das actuacións máis agardadas destas datas é o concerto da Orquesta Gaos deste mércores 22 de decembro ás 20.30 horas. Baixo o nome ‘Gaos de Cine’, a formación interpretará as bandas sonoras dalgunhas das películas máis coñecidas da sétima arte. As cancións de obras como ‘Star Wars’, ‘Jurassik Park’, ‘Harry Potter’ ou ‘Batman’ estarán presentes no repertorio. As entradas xa está á venda a través da páxina web do Teatro Colón a un prezo de entre 6 e 15 euros.
Por outra banda, o xoves 23 de decembro ás 20.00 horas terá lugar unha actuación moi especial da Banda Municipal de Música da Coruña. Baixo a dirección de henrie Adams interpretarán a peza ‘Russian Christmas Music’, composta en 1944 por Alfred Reed. A entrada é de balde ata completar aforo.
Os máis pequenos tamén terán unha cita estas festas no Teatro Colón co seu ‘Circo de Nadal’. Este espectáculo da compañía La Fiesta Escénica repasa os seus 25 anos de historia cun novo formato circense. Esta función xa percorreu grandes escenarios de Europa e América, e conta unha historia chea de tenrura, reencontros e ilusión en familia. Haberá un total de cinco funcións: o martes 28 ás 18.00, o mércores 29 ás 12.00 e 17.30 e o xoves 30 ás 12.00 e ás 17.30 horas.
O próximo ano arrancará no Teatro Colón con dúas actuación de orquestras. A primeira será o martes 4 de xaneiro e estará protagonizada pola Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia, formada por 83 nenas e nenos de entre 6 e 15 anos. Estarán dirixidos por Jorge Montes e Enrique Iglesias Precedo. O prezo das entradas é de 5 euros e xa están á venda.
Por último, a Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia tamén actuará no Teatro Colón para pechar as actuacións destas datas de Nadal. Será o domingo 9 de xaneiro e as entradas xa están á venda.
Balance do 2021
Este 2021 o Teatro Colón recuperou a normalidade e volveu a acoller grandes eventos a nivel nacional. A melloría da situación sanitaria por mor da pandemia da Covid-19 permitiu ao longo do ano aumentar os aforos e programar eventos máis masivos. Foi o caso da Programación Lírica dos Amigos da Ópera da Coruña, que reuniu a 3.000 persoas nas súas oito funcións.
O humor foi protagonista dos derradeiros meses do ano con protagonismo para Dani Rovira, que trouxo á Coruña o seu espectáculo ‘Odio’ e conseguiu reunir a 1.600 persoas en dúas funcións. Tamén repetiron no Teatro Colón Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco co seu ‘Somos criminais III’, que reuniu a máis de 4.800 persoas en tres funcións.
Para o 2022, a previsión do Goberno municipal respecto ao Teatro Colón é unha temporada que se desenvolva con absoluta normalidade, sempre cumprindo as esixencias que implica a pandemia da Covid.19 en canto a capacidade das instalacións e medidas hixiénicas. A intensidade programática será máis alta do normal e xa se pode atopar un avance na páxina web do Teatro Colón.