Saturday 16 de November de 2024

O Concello organiza obradoiros gastronómicos de Nadal para nenas e nenos nos mercados da cidade


O obxectivo desta campaña é que a mocidade coñeza os produtos típicosdesta época e apoiar ao comercio de proximidade

O Concello da Coruña comeza este mércores unha serie de obradoiros gastronómicos para nenas e nenos nos mercados municipais da cidade. O obxectivo desta actividade de Nadal é que os máis pequenos coñezan os produtos tradicionais desta época e se familiaricen con eles, mais tamén que as nais, pais ou acompañantes poidan facer as súas compras de Nadal.

Deste xeito, esta actividade impulsada polo Goberno de Inés Rey busca incentivar o consumo no pequeno comercio de proximidade nestas datas tan senlleiras e importantes para o sector. Cada mercado levará a cabo cos participantes unha visita na que coñecer os produtos típicos do Nadal e cociñar receitas típicas da época.

Nos fogóns estarán dúas persoas vinculadas á Asociación Lume Atlántico. Trátase de David Vilariño, do restaurante Taberna do Campo, e de Óscar Souto Ures, do restaurante A Cunca e O Dubra.

Os nenos e as nenas estarán acompañados de monitores e cociñeiros especializados durante a realización destas actividades. Para garantir a seguridade de todos os axentes implicados, seguirase de forma estrita o protocolo COVID-19 actual. Os obradoiros durarán dúas horas e serán de 11.00 a 13.00 horas. A inscrición é gratuíta a través de mercadoscoruña.com e nos propios mercados. Esta é a programación completa:

• Mercado de Eusebio da Garda: 22 e 28 de decembro.

• Mercado de San Agustín: 22 e 29 de decembro

• Mercado das Conchiñas: 27 e 29 de decembro

• Mercado de Elviña: 27 e 30 de decembro

• Mercado de Monte Alto. 28 e 30 de decembro