Saturday 16 de November de 2024

A Xunta reforza a colaboración coa Asociación Solidaridade Galega co pobo Saharauí (SOGAPS) para atender as urxencias derivadas da Covid-19 nos campos de refuxiados


― O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, asinou hoxe coa ONGD unha addenda ao convenio de colaboración deste ano para incrementar o orzamento do acordo en 39.000 euros, o que suporá un investimento total de 139.000 euros

― A Xunta leva investidos máis de 1M€ a través desta entidade para dar resposta ás necesidades máis urxentes da poboación saharauí

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asinou hoxe coa presidenta da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), Maite Isla, unha addenda do convenio de colaboración entre a Xunta e a ONGD para atender este ano a urxencia alimentaria nos campamentos de refuxiados saharauís a causa da covid-19, que suporá un incremento en 39.000 euros á dotación inicial do acordo de 100.000 euros. Por tanto, o financiamento total neste exercicio acada os 90.000 euros.

A Xunta colabora desde 2006 con SOGAPS no desenvolvemento de distintos proxectos de asistencia humanitaria co pobo saharauí con iniciativas relacionadas con garantir a seguridade alimentaria, a nutrición e ao apoio ao sistema sanitario. No marco desta colaboración, o Goberno galego leva investidos nos últimos anos máis de 1 millón de euros a través de distintos convenios asinados con dita entidade.

Os convenios asinados están vinculados, sobre todo, ao ámbito da saúde, a través da dotación de equipamento hospitalario e do apoio a diferentes comisións médicas que levaron a persoal de diferentes especialidades aos campamentos. Tamén se apoiou a construción dun centro de cancro de mama, dun dispensario e dunha casa para aloxar membros das comisións médicas. Na maioría dos casos estas actuacións incluían tamén a entrega de alimentos, en apoio á seguridade alimentaria nos campamentos.

O ámbito das actuacións reorientouse con motivo da pandemia do coronavirus, de xeito que tanto o ano pasado coma neste 2021, o acordo centrouse en dar resposta ás necesidades máis urxentes da poboación saharauí en relación a esta crise, co obxectivo de contribuír á mellora das súas condicións de vida a través do subministro de alimentos pola escaseza dos mesmos agravada pola situación sanitaria.

Esta colaboración entre a Xunta e SOGAPS enmarcase no IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021, que identifica como ámbito estratéxico de intervención a necesidade de paliar a reducir a vulnerabilidade respondendo ás crises humanitarias con eficacia e calidade. Tamén no Plan Anual 2021 da Cooperación Galega, que neste exercicio conta cun orzamento de case 7,5M€ e que inclúe o compromiso de renovar cada ano esta colaboración.