A cita terá lugar o martes 21 de decembro no Centro Ágora e contará con xogadoras e profesionais do deporte feminino
Este martes 21 de decembro de 2021, a partir das 20.00 h, o Centro Ágora acollerá a Gala de Presentación do Álbum de Cromos do Fútbol Feminino Galego, na que colabora o Concello da Coruña. Unha iniciativa pioneira tanto a nivel galego como a nivel estatal, desenvolta polo diario dixital da Costa da Morte Quepasanacosta e a empresa especializada Sportcrom, coa colaboración da xornalista Rocío Candal.
O álbum procura dar unha maior visibilidade a máis de 600 xogadoras galegas que compiten na Liga Reto Iberdrola, na 1ª Nacional e na 1ª Galega, ademais dos equipos do Fútbol da Costa da 2ª Galega. O obxectivo desta iniciativa é apoiar a revolución do fútbol feminino a nivel mundial, fomentar a igualdade no deporte e comezar a crear espellos femininos nos que as pequenas afeccionadas ao mundo do fútbol de toda Galicia poidan fixarse.
Para iso, contarase, por exemplo, coa imaxe de Vero Boquete, unha das mellores xogadoras do fútbol mundial, actualmente no AC Milán, que é protagonista da portada.
Ademais, o álbum conta cun apartado especial para as estrelas galegas que xogan en equipos da Liga Iberdrola ou en Ligas Internacionais. As árbitras tamén teñen o seu espazo neste pioneiro proxecto
A gala será unha viaxe temporal pola historia do fútbol feminino coruñés, cunha mesa redonda na que participará Lis Franco, histórica xogadora do Club Karbo, e María Varela Bardanca, outra lenda do fútbol sala galego no Sal Lence. O acto estará moderado por Rocío Candal e contará coa concelleira de Deportes do Concello da Coruña, Mónica Martínez.
No evento actuará a humorista Marta Doviro e haberá unha segunda mesa de debate na que se analizará o fútbol feminino actual e que contará coa presenza de xogadoras e adestradoras de equipos da cidade. Ao remate, as xogadoras protagonistas recibirán o seu álbum e poderán facerse cos primeiros sobres de cromos.
A colaboración municipal con esta iniciativa enmárcase no fomento das políticas de igualdade e de fomento do deporte feminino postas en marcha durante o actual mandato pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey. O Concello da Coruña repartirá entre as persoas participantes nas Escolas Deportivas Municipais álbums e paquetes de sobres.