Thursday 21 de November de 2024

A Deputación da Coruña convoca este ano ata dez premios culturais e outro de igualdade por valor de máis de 116.000 euros


No ámbito cultural repítense diversos galardóns do ano pasado como o de banda deseñada Castelao, o Jesús Núñez de Arte Gráfico ou o Luís Ksado de fotografía, a partir de agora anual

O Boletín Oficial da Provincia recolle as bases dos premios que convoca a Deputación da Coruña en 2015. En total son dez galardóns culturais e outro do departamento de igualdade que terán un valor superior aos 116.000 euros.

Varios destes certames repiten convocatoria con respecto ao 2014, entre eles o de banda deseñada Castelao, que chega á súa X edición e para o que mañá comeza o prazo de presentación, que permanecerá aberto ata o 6 de abril. O premio está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra premiada por parte da Deputación da Coruña.

Tamén repite o Premio Internacional de Arte Gráfico Jesús Núñez, que chega ás dez convocatorias. O prazo de participación será do 1 ao 30 de xuño. Neste caso o gañador tamén se levará 6.500 euros e a participación nunha exposición na Fundación CIEC de Betanzos, pero ademais haberá tamén dous accésits consistentes en dúas becas de matrícula nun módulo do máster de Obra Gráfica impartido na mesma fundación.

Por outra banda, o Luís Ksado de fotografía pasa a partir de agora a ser anual e repite convocatoria chegando xa á XII edición. Dende mañá estará aberta á presentación de traballos ata o 28 de agosto. O gañador recibirá 6.500 euros.

Tamén poden remitirse xa á Deputación, dende mañá mesmo, traballos de narrativa que opten ao galardón Torrente Ballester, o premio decano da institución provincial e que está dotado con 25.000 euros e a publicación da obra. Este ano chega á súa XXVII edición e pechará o seu prazo de presentación de orixinais o 1 de xullo. O ano pasado este premio rexistrou o seu récord de participación con 612 obras procedentes de diferentes puntos do país, o que demostra a súa boa saúde e o prestixio con que conta.

Música para todos os gustos
No apartado de música, este ano convócanse o XI premio de composición musical Andrés Gaos, dotado con 6.500 euros, e o VII Concurso de rock da Deputación. No primeiro deles o prazo de presentación finaliza o 15 de abril e no segundo chega ata o 15 de maio.

Neste último caso, o xurado realizará unha primeira selección de cinco grupos despois da audición dos discos recibidos, e os seleccionados accederán á seguinte fase de actuación en directo. Do concerto sairá a orde dos gañadores. O primeiro clasificado recibirá 3.000 euros, o segundos e terceiro 1.500 euros cada un, e o cuarto e quinto 1.000 euros.

Novidades
Este ano é a quenda doutros tres galardóns literarios: o XVII Premio de Teatro Rafael Dieste, o X Premio de Ensaio Manuel Murguía, e o X premio de literatura infantil e xuvenil Raíña Lupa. Os tres están dotados cun premio de 6.500 euros cada un e a publicación da obra premiada. O prazo de presentación de traballos comeza mañá e remata o 6 de abril.

Tamén no 2015 se chega á XIV edición do Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo. Os interesados en participar poden enviar os seus traballos ata o 15 de maio. Como premio, a Deputación comprará e exporá as obras seleccionadas por un importe total de 40.000 euros.

8 de marzo
Por último, o departamento de Igualdade da Deputación volve convocar o seu Concurso de Viñetas, que suma xa seis edicións, con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día da Muller, este ano baixo o título de “ELAS”. O galardón pretende nesta ocasión reivindicar e visualizar o papel da muller no sector primario na provincia da Coruña.

Poden presentarse persoas de entre 12 e 18 anos de xeito individual ou en grupo, exceptuando aqueles que xa foron seleccionados en anteriores edicións. Os participantes divídense en dúas categorías entre 12 e 14 anos e entre 15 e 18. En ambos casos o primeiro premio consistirá nun IPAD e unha colección de cómics, mentres que o segundo e terceiro estará composto por unha tableta e outra colección.