― A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participaron nun encontro no que tamén se deron cita a presentadora Paula Vázquez, a gaiteira Susana Seivane e a artista Lara Lars
― O Camiño Inglés serviu para pechar esta primeira xeira de encontros multidisciplinares enmarcados dentro da programación do Xacobeo 21-22 co obxectivo de abrir espazos de reflexión arredor do papel da muller na sociedade e na súa relación coa peregrinación e o Camiño de Santiago
Astrónomas, actrices, deportistas, músicas, empresarias, artesáns, viticultoras, escritoras, produtoras audiovisuais, artistas, científicas e así ata preto de 40 de mulleres de todo tipo de ámbitos pasaron polos encontros de Xacobeo Peregrinas, promovidos por Turismo de Galicia e a Consellería de Emprego e Igualdade no marco da celebración do Xacobeo 21-22, e que hoxe chegaron ao remate desta primeira edición no Parador de Ferrol.
O Camiño Inglés, que ten precisamente un dos seus inicios na cidade ferrolá foi o fío condutor desta derradeira conversa institucional, a décima celebrada co obxectivo de abordar a experiencia da peregrinación desde un punto de vista multidisciplinar.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participaron neste último Xacobeo Peregrinas xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. A xornada de hoxe contou coa participación da actriz e presentadora ferrolana, Paula Vázquez, a gaiteira Susana Seivane e a artista plástica Lara Lars.
Pola súa banda, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, destacou que “o rural é a nai de Galicia”, polo que -sinalou- “cómpre dotalo de servizos para todos e todas, especialmente de infraestruturas, tanto físicas como dixitais”, e tamén de emprego, como se promove a través da Lei de recuperación da terra agraria.
Ademais, sobre a presenza das mulleres no mundo rural, a directora xeral lembrou que Galicia é a única comunidade autónoma na que hai máis mulleres titulares de explotacións gandeiras ca homes e por iso definiu o colectivo feminino como “o auténtico tractor da nosa terra”.
Os referentes femininos, a súa visibilización e o papel da muller desde unha perspectiva ampla e integradora nos diferentes ámbitos da sociedade centraron boa parte deste encontro, no que a directora de Turismo de Galicia aproveitou tamén para facer balance destes dez encontros xurdidos no marco deste primeiro Ano Santo.
Ao longo destes dez encontros percorréronse todos os itinerarios oficiais do Camiño, comezando por Santiago de Compostela e rematando hoxe en Ferrol, pasando por Mondoñedo, Padrón, Xunqueira de Ambía, Vigo, Portomarín, Sober, Muxía e Palas de Rei co obxectivo de xerar espazos de reflexión que fomenten o intercambio de experiencias arredor da peregrinación e o Camiño de Santiago coa muller como protagonista a través das experiencias das diferentes convidadas e afondando nas posibilidades que ofrecen as diferentes rutas xacobeas para os peregrinos así como a experiencia coa peregrinación e co Camiño que tiveron as participantes desde en moi diferentes ámbitos de coñecemento.