Os usuarios poderán manter o seu aboamento e gozar das instalacións da piscina de Sada mentres duren as obras, e por outro, poderán cancelalo de forma temporal ata a reapertura, sen que isto último supoña un gasto dunha nova matrícula ou outro tipo de cobramento
As obras de reforma da Piscina da Barcala comezarán o próximo 23 de marzo, momento no que se pechará para os usuarios e para os centros educativos do concello. As obras terán unha duración de dous meses dende o comezo da obra.
Coa intención de reducir os perxuizos que este peche temporal poida causar o executivo local ofrecerá aos usuarios dúas alternativas diferentes. Por unha parte, os usuarios poderán manter o seu aboamento e gozar das instalacións da piscina de Sada mentres duren as obras, e por outro, poderán cancelalo de forma temporal ata a reapertura, sen que isto último supoña un gasto dunha nova matrícula ou outro tipo de cobramento. No caso de que se queira manter o aboamento deberao comunicar á empresa concesionaria da piscina no complexo da Barcala ou no propio de Sada.
O alcalde de Cambre, Manuel Rivas quere agradecer de antemán a comprensión polas molestias que o peche da instalación poida causar, pero indica que serán compensadas coas melloras que se van realizar en vestiarios, sistema de climatización, teitos, pavimentos, estruturas metálicas, carpintaría exterior e cuberta. “Sei que as obras son sempre molestas pero creo que é comprensible porque é unha piscina que necesitaba unha refrorma importante e estou seguro que os ususarios o agradecerán”, apuntou. A achega provincial é de 240.000 euros, o que supón o 75,08% do investimento total (319.669,42 euros) necesario para levar a cabo todas estas actuacións. En total, as obras executaranse nos 717 metros cadrados de toda a construción deportiva, converténdoa nunha actuación esencial e prioritaria. Financiaranse obras nos vestiarios dos usuarios, nos que se realizará unha nova distribución e se renovarán e adecuarán as instalacións de climatización e saneamento, fontanaría e iluminación.
Na sala da piscina substituiranse os acabados do falso teito, e as portas de evacuación cambiaranse por outras máis actualizadas, segundo a normativa vixente. Tamén se repararán os danos da estrutura de madeira e os parámetros verticais. Ademais, na praia da piscina impermeabilizarase o pavimento e procederase á construción de canaletas para liquidar as acumulacións de auga no chan. En canto ás actuacións previstas para a estrutura metálica, levarase a cabo a eliminación do óxido dos elementos metálicos da estrutura e a aplicación de produtos adecuados para previr unha nova oxidación. Así mesmo, procederase a mellorar o sistema de ventilación, no que se substituirá o sistema de climatización actual por un adaptado ás condicións da edificación. Na sala de instalacións repararanse e substituiranse todos aqueles elementos das instalacións que presenten problemas de filtración. Ademais, substituiranse pezas do pavimento rotas ou con fisuras e os danos en teitos e pinturas; procederase á eliminación de vexetación, a reparación de láminas asfálticas, chapas de aceiro e paneis sándwich que estean deteriorados na cuncha do edificio.