Patapatúm é un espectáculo pensado para rapazada a partir dos 4 anos no que a música, as máscaras e o movemento se xuntan nun universo cómico do que tamén gozarán as mamás e papás. Ten unha duración aproximada de 45 minutos e, ao seu remate, o Apalpador adiantará a súa viaxe máxica por Galicia vindo por San Sadurniño antes que por ningún outro sitio.
A obra terá lugar na Casa da Cultura este sábado 18 de decembro a partir das 18:00h. Hai que reservar entrada no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.
Recordámosvos, ademais, que este sábado pola tarde, de 16 a 20:00h, tamén estará aberto o Belén veciñal instalado no patio da Casa do Concello. Esta mañá visitárono as nenas e nenos da EIM A Rolada, quen tamén desfrutaron do pequeno poboado do Nadal construído por Carlos García que se ergue diante do pazo.