Friday 22 de November de 2024

A Xunta publica a orde que mellora a selección e nomeamento de persoal interino para cubrir postos de persoal funcionario de Administración de xustiza


― A modificación da Orde do 4 de outubro de 2018 mellora aspectos como a igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres, a supresión do cesamento do persoal interino por falta de capacidade ou rendemento ou a flexibilización dos requisitos para o acceso a bolsas de traballo, entre outros aspectos

― O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe os cambios previos a unha nova convocatoria para a conformación das bolsas unha vez negociados os pormenores coas organizacións sindicais

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde do 30 de novembro de 2021 pola que se modifica a Orde do 4 de outubro de 2018 sobre a selección e nomeamento de persoal interino para cubrir postos de persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

A Lei orgánica do poder xudicial 6/1985, do 1 de xullo prevé no seu artigo 472.2 que, por razóns de urxencia ou necesidade, poderase nomear persoal funcionario interino que desenvolverá as funcións propias dos corpos de persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza mentres non sexa posible o seu desempeño por persoal funcionario de carreira ou mentres permanezan as razóns que motivaron o seu nomeamento.

O artigo 489 da dita lei orgánica determina que o Ministerio de Xustiza ou, se é o caso, os órganos competentes das comunidades autónomas que recibisen os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza, serán competentes para o nomeamento de persoal interino, de acordo cos criterios obxectivos que se fixen na orde ministerial ou na disposición da comunidade autónoma que recibira os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza.

Tendo en conta estas consideracións, a Xunta publica a modificación da Orde do 4 de outubro de 2018, mellorando aspectos recollidos nesta, como a inclusión de medidas para a garantía de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación ou a supresión do cesamento do persoal interino por falta de capacidade e rendemento.

O texto modificado recolle tamén a flexibilización dos requisitos específicos esixidos para o acceso ás bolsas de traballo atendendo a diversas circunstancias que aconsellan dispor dun maior número de integrantes para dar cobertura ás necesidades actuais de provisión de postos desocupados. Entre elas figuran o número de xubilacións, a creación de novos órganos ou o incremento dos plans de reforzo motivados pola elevada carga de traballo que soportan os órganos da Administración de xustiza, circunstancia agravada pola situación derivada da pandemia.

Unha vez publicada a Orde, a tras a negociación coas organizacións sindicais, publicarase na primeira metade do mes de xaneiro de 2022 unha nova convocatoria para a conformación das bolsas.