― O DOG publica hoxe a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático do informe ambiental estratéxico, no que conclúe que non se agardan efectos ambientais adversos significativos
― O órgano promotor Augas de Galicia poderá continuar agora coa tramitación do plan
A Xunta de Galicia acaba de finalizar a tramitación ambiental da revisión do Plan especial de seca da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, unha ferramenta clave de coordinación e xestión para garantir o abastecemento de auga e anticiparse ante posibles episodios de escaseza.
Así se recolle no anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, no que se informa da resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático pola que se formula o informe ambiental estratéxico correspondente á devandita modificación.
Neste sentido, cómpre subliñar que, unha vez analizado o borrador do plan e o documento ambiental estratéxico, se conclúe que non se agardan efectos ambientais adversos significativos derivados do seu desenvolvemento, polo que o departamento autonómico resolve non sometelo ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria.
En todo caso, o informe establece que para a definición das situacións de escaseza conxuntural de auga deberán de terse en conta os caudais ecolóxicos mínimos e os caudais ecolóxicos de seca que se establezan na versión que se aprobe definitivamente da revisión do Plan hidrolóxico de Galicia-Costa 2021-2027.
Con esta resolución, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon fin á tramitación ambiental da revisión do plan, unha decisión que tamén lle foi trasladada a Augas de Galicia como organismo promotor da modificación, para que poida continuar co procedemento necesario para a súa aprobación.