A igrexa de San Pedro de Tállara acollerá mañá sábado 18 de decembro, ás 19:30 horas, o xa tradicional concerto de Panxoliñas do Concello de Lousame. Un concerto de acceso libre no que participarán o grupo O Son do Pote así como o grupo de música formado polas alumnas e alumnos da Aula de Lousame da UNED Sénior.
Esta actuación abre a programación especial de Nadal do Concello de Lousame, que se desenvolverá sempre baixo as recomendacións das autoridades sanitarias vixentes no seu momento. Así, o martes 28 de decembro, ás 12:00 horas, terá lugar un contacontos de Nadal na Casa da Cultura. Trátase de “Flipa cos contos de Nadal”, da man de Fran Campos. Será de balde, previa inscrición a través de bandoticket.
Así mesmo, a sala de exposicións da Casa da Cultura acollerá dúas mostras durante este mes: “Nos tamén fomos emigrantes”, exposición de fotografías da Axencia EFE sobre a emigración galega que poderá visitarse ata o 26 de decembro; e “As mulleres no mundo da maxia”, unha serie de paneis informativos para visibilizar o papel da muller no mundo da maxia que se poderá visitar desde o 27 de decembro. Ambas as dúas exposicións poden visitarse de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas, coa excepcións dos mércores nos que só hai servizo de mañá.
Reis Magos
Finalmente, o mércores 5 de xaneiro terá lugar na Casa da Cultura unha recepción dos Reis Magos. As familias serán recibidas en quendas de 10 persoas, que disporán de 10 minutos para estar cos reis, tirar fotos, entregar cartas, etc. Para participar só é preciso reservar praza a través de bandoticket. A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, explica que “o que pretendemos é que cada familia poida buscar a hora que mellor lle conveña para acudir a ver os Reis. Desa forma, evitamos aglomeracións e cadaquén pode desfrutar do seu tempo con Melchor, Gaspar e Baltasar”. As visitas terán lugar de 10:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.
Así, o Festival de Reis trasladarase ao sábado 8 de xaneiro e terá lugar en tres quendas de 150 persoas e dunha hora de duración. A primeira quenda terá lugar de 16:00 a 17:00 horas, tras media hora de desinfección das instalacións virá unha segunda quenda, de 17:30 a 18:30; e tras unha nova desinfección a derradeira quenda terá lugar das 19:00 ás 20:00 horas. Haberá parque infantil, xogos e ata unha churrería, xa que todas as persoas que asistan recibirán un vale por un chocolate con 5 churros. Coma no caso anterior, será preciso reservar praza a través de bandoticket.