O xurado valorou a creatividade na ornamentación, a inclusión de elementos de identidade local e o emprego de materiais de refugallo ou eco-sostibles
Xoguetería Tatino, a EEI da Escravitude e os particulares Manuel Turnes Oliveira e Claudia Franco Cardama son os gañadores do concurso “Nadal na rúa”, nas cateogrías de empresa, asociación sen ánimo de lucro e particulares en casa e piso, respectivamente. O fallo do concurso foi dado a coñecer esta mañá pola presidenta do xurado e concelleira de Turismo, Lorena Couso, quen agradeceu a participación rexistrada e destacou que “o xurado valorou especialmente a creatividade na ornamentación, así como a utilización de materiais de refugallo ou eco-sostibles, así como a inclusión de elementos que resalten a identidade local de Padrón”.
Así, na categoría de empresas a gañadora foi Xoguetería Tatino, que recibirá un premio de 400 euros. Manuel Turnes Oliveira levará un premio de 250 euros na categoría de decoración en casa, mentres que Claudia Franco recibirá 150 euros como gañadora da categoría de decoración en piso. Finalmente, a creatividade do alumnado da EEI da Escravitude foi distinguida con 200 euros na nova categoría implantada este ano: decoración realizada por asociacións sen ánimo de lucro, colectivos, entidades culturais e centros educativos. As contías dos premios deberán ser gastadas no comercio e na hostalería local antes do 30 de xaneiro de 2022.
O xurado estivo presidido pola concelleira de Turismo, Lorena Couso Dopazo, e composto por María Castelao Fraga, experta en deseño e publicidade; Minia del Río Arca, xestora de proxectos turísticos; José Ramón Rey Otero, arquitecto da oficina de rehabilitación do Concello de Padrón; actuando como secretario Alberto Rey Castro, técnico de Turismo.
Lorena Couso agradeceu a colaboración de todas as persoas participantes no concurso pois “estades colaborando a enxalzar a beleza do rueiro e do patrimonio arquitectónico da vila de Padrón no Nadal, así como dinamizar a participación activa da veciñanza, do comercio, da hostalería e da restauración do concello para contribuír á imaxe global dun Padrón máis atractivo, tanto para os veciños e veciñas como para as persoas que nos visiten nesas datas”.