O Concello de Boqueixón vén de abrir as inscricións na recepción dos Reis Magos, que terá lugar o mércores 5 de xaneiro, a partir das 16:00 horas, na Casa da Cultura de Camporrapado. Unha actividade dirixida a nenos e nenas empadroados en Boqueixón ou matriculados nun centro educativo do municipio.
As persoas interesadas en participar nesta actividade deberán cubrir un formulario en liña dispoñible na web municipal (www.boqueixon.gal). Poderán asistir ata catro nenos e nenas, así como dúas persoas adultas por familia. As prazas son limitadas e outorgaranse por estrita orde de inscrición.
As crianzas asistentes á recepción dos Reis Magos participarán nun sorteo de agasallos, que se desenvolverá en colaboración con SBC Gasolineras, e asistirán ao espectáculo “Os tres porquiños”, unha obra musical con bonecos a tamaño real da compañía EducaTeatro Producións. Trátase dunha divertida combinación de música e lingua que ofrece unha divertida visión de como serían os tres porquiños e o lobo feroz hoxe en día.
O Concello de Boqueixón lembra que durante o desenvolvemento da actividade será preciso cumprir con todas as medidas preventivas recomendadas polas autoridades sanitarias nese momento. Máis información no Departamento de Cultura de Boqueixón (cultura@boqueixon.com ou no teléfono 981 513 115). Así mesmo, aquelas persoas que non poidan completar a súa inscrición en liña, poderán reservar a súa praza a través deste Departamento.