Saturday 16 de November de 2024

A Cátedra SXD Galicia Activa afonda nas necesidades de exercicio nos casos de discapacidade, embarazo e enfermidades crónicas


Esta xornada encádrase nas actividades anuais que se realizan desde esta Cátedra asinada entre a Fundación Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte e a Universidade da Coruña

A Cátedra SXD Galicia Activa vén de desenvolver a terceira edición das súas xornadas formativas con investigadores de relevancia no ámbito da discapacidade, embarazo e enfermidades crónicas. A xornada foi inaugurada polo director xerente da Fundación Deporte Gallego, Iván Clavel; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya; o director do departamento de Educación Física e Deportiva da Universidade da Coruña, Xurxo Dopico; e mais o director da Cátedra SXD Galicia Activa, Eliseo Iglesias.

Os conferenciantes presentaron as diferentes evidencias científicas e as investigacións realizadas nos grupos de poboación de discapacidade, embarazo e enfermidades crónicas que foron especialmente referenciados nas últimas recomendacións de práctica de actividade física da Organización Mundial da Saúde. Cómpre salientar que a a actividade física é unha ferramenta fundamental na prevención, tratamento e posterior estilo de vida da poboación con necesidades especiais en canto a práctica de exercicio.

Esta xornada encádrase nas actividades anuais que se realizan desde esta Cátedra asinada entre a Fundación Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte e a Universidade da Coruña. Entre os traballos realizados este ano destacan o premio recibido no IX Congreso Internacional da Asociación Española de Ciencias do Deporte polos estudos de investigación presentados coa plataforma DAFIS, a elaboración dun artigo de investigación sobre a valoración da condición física en nenos durante e despois da pandemia marcada polo Covid-19 ou a inminente publicación dunha Guía para os profesores de Educación Física cos valores normativos da probas recollidas na plataforma DAFIS en nenos galegos escolares.