Saturday 16 de November de 2024

O Belén de Marián Arroyo volve ver a luz en San Sadurniño 30 anos despois da súa última montaxe pública


O Nacemento, recuperado pola propia Arroyo e outros veciños e veciñas, pode visitarse no patio do Concello

 

Unha das novidades deste Nadal en San Sadurniño é o grande Nacemento que está instalado na columnata do patio do Concello. Marián Arroyo e outras veciñas e veciños de San Sadurniño traballaron arreo nas últimas semanas para montar as tradicionais escenas, ás que non lles falta ningún detalle: o castelo de Herodes, pastoriños coidando do gando, labregas e labregos laboreando a terra, os Magos de Oriente cos seus paxes (nestes días camiño do castelo do rei palestino), a propia escena do neno entre a palla flanqueado por María e Xosé, e incluso un caganet facendo as súas cousas detrás dunha matogueira. Son 20 m², unhas 180 figuriñas e máis dunha vintena de edificacións que teñen unha longa historia. O que desde hoxe se pode visitar na Casa do Concello empezou a xuntarse aló polos anos 60, aínda que o seu tempo de maior esplendor -que agora se quere recuperar- coincidiu coa época en que Ramón Díaz Raña foi párroco de San Sadurniño.

Quen mellor sabe esa historia é Marián Arroyo, por ser ela quen empezou a coleccionar as pezas sendo aínda unha nena. “Este Belén comezou a súa andaina na década dos 60. Eu quería un Nacemento e pedinllo a Agustín, meu pai, o artesán máis hábil que coñecín”. Segundo conta Arroyo, a axuda paterna foi fundamental para empezar a darlle forma -“construiu un castelo e tres casiñas”, recorda-, pero quizais foi a súa nai, Piana, quen máis influíu na súa querencia polo belenismo: “miña nai era experta na montaxe, botaba moitas horas. Dela aprendín o que hoxe mostro, pero sen conseguir a súa mestría”.

Naqueles tempos da infancia tamén lle botaba unha man o seu irmán, Manuel, “que aforraba todo o que podía e en Nadal gastábao en figuriñas”. “Así, pouco a pouco, foi facéndose este Belén, medrando cada ano un chisquiño coa colaboración familiar”, engade Marián.

A afección xa non a perdería nunca. Casou, fixo vida en San Sadurniño e participou no movemento social que xurdiu con forza a finais dos anos 70, dinamizado en boa medida polo novo crego daquel entón, Ramón Díaz Raña. Quen sería párroco de San Sadurniño até o 1990 “viu o Belén e gustoulle tanto que me propuxo amosalo na Igrexa do Rosario para que puidese gozar del todo o pobo. Montámolo alí por primeira vez en 1978”.

A partir dese ano o Nacemento entrou nunha nova etapa de crecemento e ampliación ata quedar practicamente como está hoxe. “A principios dos 80 decidimos poñerlle unha paisaxe como fondo. Ramón mercou a tela e colgala no teito da galería do claustro do Convento, xa que non cabía noutro lugar, fun pintando ao longo de meses o que hoxe aínda se conserva”.

Engadíronselle máis figuras, medrou a paisaxe e tamén fixeron falla máis edificios, dos que se encargaría, de novo, Agustín Arroyo. “Ao ver meu pai o cambio producido na montaxe, decidiu construír un castelo máis grande e aumentar a decoración con outros elementos como as casas ou as pontes”. A maior parte desas construcións son as orixinais, aínda que outras, deterioradas polo trafego de anos de armar e desarmar, foron substituídas polo fillo de Marián, o luthier Miguel Sanjurjo, “quen herdou do avó a paixón pola madeira”.

Durante a estadía de Ramón Díaz Raña como párroco de San Sadurniño “todas as datas de Nadal estaban presididas por este Nacemento no que participaba moita xente, principalmente nenas e nenos de Sansa que disfrutaban colaborando na súa montaxe”.

Porén, cando Díaz Raña marchou, o Belén volveu para a casa. Seguiu montándose nunha pequena parte, mentres que outra permaneceu gardada e mimada por Marián Arroyo ata que neste mes de decembro, trinta anos despois, ela e outras veciñas e veciños lle propuxeron ao Concello revivilo en toda a súa dimensión no patio do pazo.

Así, con case un mes de preparativos e dúas semanas de tardes de montaxe, o grande Nacemento pode volver visitarse, gracias ao traballo desinteresado da propia Arroyo con axuda de Marina Merlán, Xela Barro, Lucía Vergara, Alejandro González, Alberto Bello e Miguel Sanjurjo, ademais da colaboración do actual párroco, Javier Santiago, e da Concellaría de Cultura.

Visitas
O grande poboado de Belén pode visitarse durante os horarios de apertura das oficinas municipais, de 8:30 a 14:30h de luns a venres agás festivos até o 5 de xaneiro. Nos últimos días foron moitas as persoas que se achegaron ao patio de paso que ían facer algunha xestión ao consistorio.

Ademais, esta mesma mañá as crianzas da EIM A Rolada tamén se abraiaron coa montaxe poñéndolle especial atención ás figuriñas do neno e, sobre todo, ás dos Reis Magos, que nestas datas previas ao Nadal aparecen colocados chegando ao castelo de Herodes para saber da boa nova do nacemento. Dentro de pouco mudarán de emprazamento para situarse no portal agasallando ao recén nacido con ouro, incenso e mirra.

Quen queira admirarse con estas escenas da tradición cristiá -que xurdíu tal e como hoxe a coñecemos no Nápoles do século XIV- poderá facelo tamén en horarios ampliados nos seguintes días:

Sábado 18, xoves 23 e xoves 30 de decembro e mércores 5 de xaneiro: de 16:00 a 20:00h
Domingos 26 de decembro e 2 de xaneiro: de 11:00 a 14:00h