O proxecto, que contempla a disposición dun novo tramo de carril bici, a ampliación de beirarrúas e a plantación de arboredo, recupera unha antiga conexión entre Os Mallos e a Sagrada Familia
O Concello da Coruña avanza no proxecto de reurbanización e humanización do cruzamento entre a avenida de Arteixo e a rolda de Nelle, que este venres reabriu ao paso do tráfico rodado tras dous meses e medio de traballos e a disposición dunha nova rotonda, xa operativa baixo un deseño provisional, con pintura e sinalización amarela de obra, e coa regulación semafórica definitiva.
O Goberno municipal de Inés Rey cumpre así cos prazos de finalización estimados ao inicio dos traballos, fixados na antesala do Nadal. A intervención na intersección entre a avenida de Arteixo e a rolda de Nelle, ideada para solucionar as deficiencias que se detectaron nos muros de contención do antigo paso inferior que conectaba as dúas vías, foi aproveitada para demoler o viaduto sobre a avenida de Arteixo e suprimir o paso soterrado, recheo do solo ao teito, remodelando a rúa para que se converta nun futuro bulevar que, ademais, recuperará unha antiga conexión entre os barrios da Sagrada Familia e Os Mallos.
“Foi un traballo perfectamente executado en tempo e forma. Era urxente, porque había un risco de colapso no viaducto, tamén para as persoas”, indicou Inés Rey, quen destacou que ese risco de colapso acabouse transformando nunha actuación coa que se mellora a calidade urbana da contorna.
A nova rotonda do cruzamento, ideada como a solución para conseguir unha mellor distribución do tráfico na contorna, será de 12 metros de radio e disporá de dous carrís de circulación. É a principal novidade dentro dun plan de reurbanización da zona que axudará a mellorar tamén as rúas próximas, remarcando a aposta do Goberno de Inés Rey por gañar espazos peonís e unha configuración máis verde e sostible dos espazos urbanos.
As intervencións de reurbanización e humanización na avenida de Arteixo, por rúas
Na avenida de Arteixo, entre a rolda de Nelle e a rúa Pontedeume, a Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade xa iniciou os traballos de ampliación das beirarrúas, non inferiores a 2,25 metros de anchura. Manteranse, ademais, os dous carrís de circulación rodada por cada sentido; porase en marcha un carril bici de dobre sentido entre a beirarrúa e o carril de circulación; e, por outra banda, executarase unha mediana central con arboredo.
Tamén na avenida de Arteixo, entre a rolda de Nelle a rúa Industrial, hai previsión de ampliar as beirarrúas, cunha anchura non inferior aos 2,25 metros e zonas que chegarán aos 4 metros con mobiliario urbano. Determinouse a disposición dun carril de circulación rodada por sentido salvo no acceso á rotonda, onde nos primeiros 25 metros haberá dous carrís no sentido de saída da cidade. A maiores, o novo carril bici será de dobre sentido e, neste tramo, a franxa de arboredo situarase entre as zonas peonís e o propio carril bici.
Por outro lado, crearase un paso de peóns á altura da rúa Industrial para comunicar o barrio da Falperra co parque de Santa Margarida sen necesidade de que a cidadanía use a pasarela.
O proxecto de humanización da intersección da avenida de Arteixo e a rolda de Nelle tamén impulsará un reforzo do arboredo na contorna. O Goberno municipal estima que se plantarán medio centenar de novas árbores, gañando máis espazos verdes no corazón da cidade.