Saturday 16 de November de 2024

A Xunta destaca o pulo experimentado polo turismo este outono grazas ao Camiño e ao Bono Turístico


― A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, explicou hoxe no Parlamento de Galicia para informar da evolución da tempada turística e a eficacia das medidas posta en marcha para a recuperación do sector

― Nava Castro fixo especial fincapé nas axudas ao sector coa posta en marcha de medidas como a segunda edición do Bono Turístico, que permitiu inxectar 3,4M€ este outono

― Con preto de 178.000 Compostelas entregadas, o Camiño e o Xacobeo sitúanse como elementos clave neste proceso de recuperación turística.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, informou esta tarde da evolución da tempada turística e da eficacia das medidas e ferramentas postas en marcha nestes meses para a reactivación do sector, con especial fincapé no bono turístico, que permitiu mellorar as cifras de actividade e rendibilidade do sector con case 3,4 millóns de euros inxectados desde o pasado 21 de setembro.

Castro lembrou as cifras acadadas pola comunidade ata outubro que sitúan a Galicia entre os territorios con mellor comportamento e recuperación da demanda turística a nivel nacional. Con máis de 3,3 millóns de viaxeiros e 7,5 millóns de noites rexistradas ata outubro, Galicia situouse como a terceira e sinalou o Camiño e a celebración deste Xacobeo como factores fundamentais para acadar estas cifras, destacando a entrega de preto de 178.000 Compostelas no que vai de ano.

“Hoxe podemos afirmar que, rematando o ano 2021, mesmo superamos as expectativas, con preto do 70% máis de noites respecto do ano pasado e marcando un verán de récord, especialmente no segmento hoteleiro”, explicou Nava Castro, quen fixo fincapé na chegada de viaxeiros a Galicia pero tamén na recuperación experimentada polo Camiño, superando xa en setembro as expectativas de pechar este ano por riba das 140.000 Compostelas.

Son resultados, explicou Castro, mérito dos profesionais do sector, pero tamén “do comportamento xeneralizado dos galegos e galegas, do noso sentidiño, e do traballo conxunto para posicionar e consolidar o turismo galego”.

Ferramentas de éxito
Na súa intervención no Parlamento de Galicia, a directora de Turismo de Galicia destacou tanto os plans de rescate postos en marcha pola Xunta, que supuxeron unha inxección de 90 millóns de euros no sector turístico, como as medidas de apoio do plan que choque, que sumaron 35,7 millóns de euros ao proceso de recuperación do sector a través da posta en marcha de medidas e liñas de axuda dirixidas aos segmentos máis afectados ou orientadas a sufragar gastos derivados dos equipamentos poscovid ou dirixidos a mellorar a súa calidade, infraestruturas, mellora da comercialización ou dixitalización.

Entre estas medidas, Nava Castro fixo especial fincapé aos excelentes resultados da segunda edición do bono turístico, que este ano se abriu ao público en xeral. “A Tarxeta Turística #QuedamosenGalicia é un exemplo do apoio da Xunta ao sector neste Xacobeo co obxectivo de recuperar a confianza dos viaxeiros e fomentar a mensaxe de Galicia como destino seguro”, asegurou a directora de Turismo de Galicia, que lembrou que esta medida innovadora, que foi imitada noutras comunidades autónomas, permitirá mobilizar a finais deste ano 7,9 millóns de euros no turismo galego.

O récord de consumo do bono acadouse o pasado mes novembro cun gasto de 1,5 millóns de euros, seguido de outubro con máis de 1 millón. Ademais, 583.500 euros gastáronse na ponte festiva da Constitución -do venres 3 ao mércores 8 de decembro-, que rematou cunha ocupación media por riba do 75-80% na maior parte dos territorios máis turísticos.