O Centro Municipal de Emprego acolleu unha sesión con catro grupos de traballo para impulsar boas prácticas de cara a atención ás persoas máis vulnerables
O Centro Municipal de Emprego do Concello da Coruña, situado no barrio dos Rosales, acolleu este xoves un encontro de entidades especializadas na atención a colectivos con dificultades de inserción.
Na sesión, á que asistiu o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, participaron os Servicios Sociais Municipais, as entidades colaboradoras co proxecto Coruña Suma e outras organizacións sociais con importante representación na cidade: Accem, Agarimo, Alas Coruña, Apem, Asociación Boanoite, Asperger, Camiña Social, Cáritas Interparroquial, Casco, CIM, Cogami, Cruz Roja Española, Down Coruña, Ecos do Sur, Érguete, Feafes, Fundación Juan Soñador, Fundación Mujeres, Padre Rubinos, Poten100Mos, Rede de Acollida Municipal, Secretariado Gitano, Senvalos, Servicio Municipal de Emprego, SS. SS. Municipais, UAMI, Viraventos e os CIFP do Rodolfo Ucha Piñeiro e Paseo das Pontes.
Durante o encontro constituíronse catro grupos de traballo para un intercambio metodolóxico e técnico orientado á recollida de boas prácticas, no que participou persoal das entidades especializadas en políticas activas de emprego en traballo cos colectivos máis vulnerables socialmente: o primeiro obradoiro, orientado a analizar os perfís das persoas que máis demandan servizos de emprego no contexto da pandemia; o segundo, a nova presencialidade e as posibles solucións para resolver a fenda dixital; o terceiro, sobre as novas metodoloxías de traballo e a formación laboral orientada aos novos sectores profesionais; e o cuarto, relacionado cos cambios máis recentes no mercado de emprego.
Cada grupo de traballo estivo constituído por dez representantes das entidades e un técnico do proxecto Coruña Suma, que dinamizou e dirixiu o taller correspondente. As conclusións recollidas hoxe serán levadas posteriormente a un informe final que será elaborado polo persoal técnico de Coruña Suma.
O concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, valorou o compromiso da alcaldesa, Inés Rey, co fomento de programas e actividades que contribúan á inserción laboral e social dos colectivos con dificultades na cidade da Coruña. “Debemos seguir traballando para construír unha sociedade onde todos teñan cabida. A pandemia atacou especialmente ás persoas máis vulnerables, tanto a nivel social como económico, e impulsar un tecido laboral que sexa inclusivo é unha responsabilidade que asumimos desde o Concello”, determinou Celemín.