Reclaman que o goberno galego asuma os gastos contraídos polos concellos derivados da pandemia, que no caso da Coruña e Lugo superan os 30 millóns de euros
Inés Rey e Lara Méndez comprométense a traballar conxuntamente a favor da visibilización do papel das mulleres na sociedade
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a de Lugo, Lara Méndez, comprometéronse a afianzar os lazos de colaboración entre ambas cidades para “poñer en común retos e problemáticas dos nosos concellos e avaliar posibilidades de desenvolver proxectos conxuntos”. Ambas rexedoras mantiveron unha xuntanza en Lugo para trazar as liñas de colaboración entre os dous concellos.
“Puxemos en común que ambos gobernos estamos a traballar nun modelo de cidade que mellore a calidade de vida dos nosos veciños, apostando por políticas públicas que poñan aos cidadáns no centro, que se recuperen espazos para as e os cidadáns a través das peonalizacións e apostando por formas de mobilidade sostible”, sinalou tras o encontro a alcaldesa Inés Rey. Ambas rexedoras apuntaron que a pandemia da Covid-19 acelerou estes procesos nos que xa traballaban.
Por outra banda, Inés Rey e Lara Méndez constataron a necesidade de reforzar o sistema de financiamento das cidades, tanto por parte do Goberno de España como da Xunta de Galicia.
“Os concellos estamos a asumir numerosas competencias impropias, como administración máis próxima aos cidadáns, e necesitamos adecuar a nosa financiación aos servizos que prestamos”, indicou.
Inés Rey volveu reclamar á Xunta a devolución da factura Covid-19. Ambos concellos tiveron que facer fronte a numerosos gastos derivados da pandemia e de competencia autonómica.
No caso da Coruña e de Lugo, dita factura ascende a máis de 30 millóns de euros. “Non recibimos un só euro da Xunta, a pesar de que o Goberno galego recibiu fondos do Estado para afrontar a crise”, lembrou Inés Rey.
Ademais, as alcaldesas da Coruña e Lugo analizaron durante a súa xuntanza a situación das infraestruturas pendentes de conexión entre ambas cidades. Concluíron que é necesario mellorar todas as alternativas de transporte público entre as dúas urbes.
Papel da muller
Por último, Inés Rey e Lara Méndez, únicas alcaldesas das grandes cidades galegas, comprometéronse a traballar a favor da igualdade e da visibilización social das mulleres en todos os ámbitos da sociedade. “As mulleres foron un dos colectivos que máis sufriu e está a sufrir as consecuencias da pandemia”, apuntou Inés Rey.
Galicia está á cola de España en número de mulleres alcaldesas, cun 82% de alcaldes fronte a un 17% de alcaldesas. “O mesmo sucede nos postos de representación dos axentes económicos e dos postos directivos das empresas, vémolo todos os días nos actos aos que nos convidan”, concluíu a alcaldesa da Coruña.