· Con esta ferramenta, os veciños e veciñas poderán avisar desde o seu móbil sobre danos que poidan atoparse no municipio.
· A través desta iniciativa, o Concello pretende coñecer as demandas da poboación e dar solución o máis axiña posible.
· Juan Penabad Muras anima aos ortigueireses para utilizar esta APP para “ construír Ortigueira todas e todos xuntos”.
O Concello súmase aos máis de 500 municipios que a nivel nacional dispoñen do servizo Liña Verde. Unha aplicación móbil a través da que os veciños e veciñas poderán notificar incidencias no municipio e coa que o equipo de goberno local pretende atender as demandas da poboación o máis axiña posible.
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, anima “a empregar esta ferramenta, a través dá que se poderá transmitir información e peticións ás que atenderemos e daremos resposta na maior brevidade posible”, indicou. O rexedor sinalou que esta canle “ ofreceranos a posibilidade de coñecer as demandas e necesidades dá nosa veciñanza, que tamén poderá plantexar consultas medioambientais”. Deste xeito, o Concello busca impulsar a participación cidadá, “fundamental para construír Ortigueira todas e todos xuntos”.
A través desta plataforma os usuarios e usuarias poderán notificar diferentes incidencias en materia de beirarrúas e calzadas, rede de sumidoiros, iluminación, lixo, mobiliario urbano, parques e xardíns, puntos de auga, sinais e semáforos, limpeza, animais abandonados, recollida de mobles e aveños ou vandalismo, entre outros.
Para poder utilizar este novo servizo é necesario proceder á descarga da APP Liña Verde. Para iso, o usuario ten que acceder a Google Play ou APP Store en función da tecnoloxía empregada na súa Smartphone (Android/ iOS). Unha vez localizada, leva a cabo a descarga de forma gratuíta. A partir dese momento, o usuario selecciona o municipio sobre o que quere comunicar a incidencia. O procedemento é moi rápido e sinxelo.
Como utilizar Liña Verde
Para comunicar unha incidencia, basta con picar sobre o botón “Nova Incidencia”. Un despregable coas diferentes tipoloxías de incidencias aparece en pantalla. O usuario selecciona aquela sobre a que quere comunicar. De forma automática, a APP detecta as coordenadas exactas nas que se sitúa o dano. O seguinte paso é achegar unha foto da incidencia e observación sobre a mesma. Xa só queda dar ao botón de enviar. Unha vez enviada, persoal do Concello recibe notificación do dano comunicado. A partir deste intre, inícianse os trámites para dar solución á incidencia detectada. O cidadán á súa vez recibe notificación no seu teléfono móbil sempre que se produza un cambio no estado da mesma.
A través de Liña Verde, o usuario tamén pode expor calquera consulta ambiental. Basta con seleccionar a opción de “Feixe a túa consulta”. Nun prazo máximo de 24 horas terá resposta por parte dun equipo de expertos na materia de forma completamente gratuíta.
Ao servizo Liña Verde tamén se pode acceder a través do domino www.lineaverdeortigueira.gal. Ademais de comunicar unha incidencia ou expor unha consulta, o usuario dispón dun amplo contido de consulta ambiental (guía de boas prácticas, consellos, información propia do municipio…).
Liña Verde tamén ofrece os seus servizos a través de contacto telefónico no número 902 193 768 en horario de 8.00 horas a 17.00 horas (custo da chamada 0,07 €/ min).
Comunicacións informativas do Concello
Outra das posibilidades que ofrece esta ferramenta é o envío de comunicacións informativas por parte do Concello aos cidadáns que así o desexen. Desta forma, ademais de implantar unha canle para resolver incidencias de mantemento no municipio tamén podemos facer chegar a información de servizo público que se considere oportuna como o corte de tráfico dunha rúa, o horario de determinados espectáculos municipais, ou o corte de auga ou luz que se poida producir en calquera punto. Tamén poden consultar os principais puntos de interese que se localicen no municipio e información relevante sobre o mesmo.
O Concello de Ortigueira anima aos veciños da súa localidade para utilizar o servizo Liña Verde. A través da implantación deste servizo e grazas a unha importante participación cidadá, pretende lograr un municipio que cumpra coas expectativas de benestar social dos seus veciños.