Friday 22 de November de 2024

A Xunta licita a redacción do proxecto do novo edificio xudicial na Estrada


― A Plataforma de Contratos da Xunta publica hoxe o anuncio de contratación da redacción do proxecto básico e de execución, por un importe duns 77.200 euros

― As empresas interesadas teñen de prazo ata o 3 de xaneiro para presentar as súas ofertas

― O novo inmoble permitirá reorganizar nun só edificio os dous órganos xudiciais existentes actualmente en sedes diferentes

― Contará cunha superficie de 1.817 metros cadrados e dúas plantas, unha para os espazos públicos e outra para os xulgados, ademais dun soto para os arquivos

― O orzamento previsto para levar a cabo a obra ascende a 2,4M€

A Xunta vén de publicar na Plataforma de Contratos de Galicia a licitación do servizo para a redacción do proxecto básico e de execución das obras de construción do novo edificio xudicial de A Estrada, incluíndo o estudo de seguridade e saúde, por un importe de 77.234 euros.

A execución desta obra permitirá reorganizar os dous órganos xudiciais existentes en sedes diferentes na Avenida Benito Vigo -os xulgados de Primeira Instancia e Instrución nº1 e nº2- nun único inmoble na parcela A Baiuca cedida polo concello na Avenida da Torre. O edificio contará ademais con espazo suficiente para posibles ampliacións futuras.

As empresas interesadas en acometer esta actuación poden presentar as súas ofertas ata o día 3 de xaneiro de 2022.

A contratación inclúe a redacción do proxecto básico para definir os aspectos fundamentais de obra -funcionais, formais, construtivos e económicos-, xunto co proxecto de execución que definirá os materiais, elementos, sistemas construtivos e equipos necesarios para levar a cabo o proxecto básico. O prazo para elaborar ambos proxectos será de 8 semanas desde a sinatura do contrato.
Con esta licitación dáse continuidade aos avances realizados neste ano coa contratación do anteproxecto das obras, que foi entregado o pasado outubro.

O anteproxecto recolle as liñas xerais da obra cunha parcela cedida polo concello na que se levantará un edificio de 1.817 metros cadrados con dúas plantas, unha baixa para os espazos públicos e unha primeira planta destinada aos espazos para os xulgados, ademais dun soto para arquivos.

O edificio albergará os xulgados nº 1 e nº2 de Primeira Instancia e Instrución, tres salas de vistas, así como espazos para outros servizos xudiciais e organismos como decanato, sala de videoconferencias e de informática, sala de atención ás vítimas, rexistro civil, despacho e sala de espera para o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), despacho para a Fiscalía e unha área para os profesionais da avogacía, procuradores e graduados sociais.

Neste novo espazo traballarán 18 profesionais: 2 xuíces, 2 letrados da Administración de Xustiza, 12 funcionarios e 2 axentes de seguridade.

O orzamento previsto para a execución da obra ascende a 2,4 millóns de euros, dos que 1,4 millóns se reservan para a anualidade de 2022 e o millón restante en 2023.