A derradeira sesión plenaria ordinaria de 2021 en Brión pechouse coa aprobación dunha moción conxunta dos tres grupos municipais (PSOE, PP e BNG) en apoio ao sector lácteo e que unifica as propostas inicialmente presentadas por cada partido. Neste sentido, a moción defende a “importancia transcendental” dun sector con 6.540 explotacións e que produce o 45% do leite de todo o Estado.
Unha moción que insta á Xunta de Galicia a promover un foro de encontro, debate e negociación moderado pola Consellería do Medio Rural onde estea representado todo o sector (produtores, cooperativas, industria e distribución). Ademais, pídenlle á Administración autonómica que impulse unha campaña de concienciación entre o consumidor final e reforce a promoción dos produtos lácteos galegos, ademais de axilizar a constitución do Observatorio Lácteo Galego.
Por outra banda, o Concello instará ao Goberno do Estado a dotar aos sectores produtivos dunha ferramenta obxectiva que fixe uns custes de produción de referencia vinculantes e obrigatorios e se habiliten mecanismo para que todos os elos da cadea de valor láctea cobre un prezo que cubra, cando menos, os costes de produción. Finalmente, pídeselle ao Goberno que faga os cambios precisos na lexislación para facilitar a constitución de organizacións de produtores lácteos para fortalecer a capacidade de negociación dos gandeiros galegos.
Resto da sesión
Así mesmo, o Pleno municipal rexeitou novamente a proposta do BNG de cambiar o horario das sesións plenarias, así como proceder á súa gravación e difusión a través dos medios do municipio (web, redes sociais, revista Altamira…). En rogos e preguntas, os nacionalistas pediron participar nas mesas de contratación, proposta rexeitada polo Grupo de Goberno xa que se trata dun órgano técnico, sen presenza de políticos.
O Concello tomou nota das peticións de melloras nas pistas secundarias das aldeas de Outeiro e Rial (BNG) e Mourentáns (PP). De feito, o alcalde, Pablo Lago, agradeceu a proposta da voceira do PP xa que “despraceime ata o lugar a comprobar a situación e podo dicir que hoxe mesmo comezamos co reparado das fochancas e que incluiremos o reasfaltado desta pista nalgún dos proxectos que executaremos o próximo ano”.
Finalmente, o alcalde compartiu as críticas de todos os grupos municipais sobre a calidade do alumeado de Nadal deste ano. “Pensamos que non ten a calidade que debería ter e así llo fixemos chegar á empresa responsable, que durante esta semana comprometeuse a facer melloras”, explicou o alcalde brionés, quen anunciou que “para evitar estas cuestións, o próximo ano imos elaborar un proxecto de alumeado para sacalo a concurso, o que obrigará a empresa concesionaria a desenvolver ese proxecto e evitar sorpresas desagradables”.