Desde o xoves 16 de decembro e ata final de ano poderá verse todos os días na sesión das 18.00 horas. Despois proxectarase as fins de semana e engadirase á programación escolar
O Planetario da Casa das Ciencias incorpora á súa carteleira un novo programa distribuído polo Observatorio Austral Europeo (ESO). ‘Desvelando o universo invisible’ é unha produción a toda cúpula que mostra como somos capaces de coñecer os segredos do cosmos a pesar das enormes distancias que nos separan doutros astros. O audiovisual mostra imaxes de fenómenos invisibles ao ollo humano, pero que si podemos detectar grazas aos diferentes instrumentos cos que miramos ao ceo.
A principios do século XVII a invención do telescopio por Galileo revolucionou o noso coñecemento do firmamento. No século XX, coa chegada dos foguetes, foi posible sortear o filtro da atmosfera terrestre e observar radiacións como os raios X e gamma procedentes dos fenómenos máis quentes e violentos que teñen lugar no universo. Pero a luz non é a única fonte de información sobre o cosmos, xa que tamén contamos con partículas como os neutrinos e os raios cósmicos. Nos últimos anos, a detección de ondas gravitacionais abriu unha nova xanela de observación coa que por primeira vez é posible estudar fenómenos como a fusión de dous buracos negros.
Este programa está dirixido por Theofanis Matsopoulos e producido no marco do proxecto Integrated Activities in the High- Energy Astrophysics Domain ( AHEAD 2020), dentro do programa de investigación e innovación Horizonte 2020 da Unión Europea.
Programación do Nadal do Planetario da Casa das Ciencias.
«Desvelando o universo invisible», para maiores de 12 anos, súmase desde o xoves 16 de decembro á oferta audiovisual da Casa das Ciencias na sesión das 18.00 horas.
A partir do sábado 18, a programación durante o Nadal será a seguinte:
Do 18 ao 31 de decembro, de luns a domingo (excepto 24 e 32 de decembro)
● 11:30 ‘A nena que sabía camiñar ao revés’. Castelán. De 4 a 7 anos.
● 13:00 ‘Viaxando coa luz’. Galego. Maiores de 8 anos.
● 16:30 ‘O ceo de Cloe’. Galego. De 4 a 6 anos.
● 18:00 ‘Desvelando o universo invisible’. Castelán. Maiores de 12 anos.
O 24 e 31 de decembro, só haberá as sesións das 13.30 e 13.00 horas, xa que o museo pecha ás 14.00 horas. O 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro está pechado.
Do 2 ao 9 de xaneiro
De luns a venres:
● 11:30 ‘A nena que sabía camiñar ao revés’. Castelán. De 4 a 7 anos.
● 13:00 ‘Viaxando coa luz’. Galego. Maiores de 8 anos.
● 17:00 ‘O ceo de Cloe’. Galego. De 4 a 6 anos.
Sábados e domingos:
● 11:30 ‘A nena que sabía camiñar ao revés’. Castelán. De 4 a 7 anos.
● 13:00 ‘Viaxando coa luz’. Galego. Maiores de 8 anos.
● 16:30 ‘O ceo de Cloe’. Galego. De 4 a 6 anos.
● 18:00 ‘Desvelando o universo invisible’. Castelán. Maiores de 12 anos.