— A novela ‘Palabras de pedra’, de Ginés Cruz Zamora, será publicada por Hércules Ediciones en galego e castelán o vindeiro maio
— O xurado recoñeceu cun accésit a obra ‘Muxos’, do bergantiñán Héctor Pose Porto
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no acto polo que se anunciou o gañador e se entregou o galardón do I Premio Asubío de Novela FMJJ, Infancia y Juventud por la Inclusión, convocado pola Fundación María José Jove e Hércules de Ediciones en colaboración coa Xunta de Galicia. Palabras de pedra, do murcián Ginés Cruz Zamora, foi elixida gañadora por unanimidade polo xurado, que tamén recoñeceu cun accésit a novela Muxos, do galego Héctor Pose.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade saudou “a chegada destas dúas novas novelas cargadas de sensibilidade que se publicarán tamén en galego e que axudan a comprender a realidade de moitas persoas que nos rodean”. Canda Valentín García tamén participaron neste acto de entrega na sede da Fundación María José Jove, na Coruña, representantes da entidade e da editorial, así como os premiados e varios membros do xurado como Espido Freire, Blanca Ana Roig e Miguel Conde-Lobato.
O premio, dotado con 10.000 euros e a publicación da novela gañadora en galego e castelán, naceu co obxectivo de promover a creación de obras literarias que fomenten a inclusión social. Nesta primeira edición, contou coa participación de 71 pezas en ambos idiomas, procedentes de diferentes lugares de España e mesmo de varios países latinoamericanos
Os premiados
Palabras de pedra recolle, en palabras do xurado, “o espírito do premio á perfección”. Nela, Ginés Cruz trata o autismo e o autismo hereditario “cunha visión honesta e optimista e narra, con minimalismo e sinxeleza case poética, a actitudes duns pais ante a discapacidade”. O xurado destacou tamén da obra gañadora “os usos da linguaxe e da comunicación na sociedade actual en relación ao autismo”.
Ginés Cruz Zamora (Murcia, 1971) é licenciado en Xeografía e Historia e en Dirección de Coros. Na actualidade é profesor no IES Isaac Perales de Cartaxena. É autor doutras obras como Rosas Negras e La memoria detenida.
Da outra banda, Muxos, de Héctor Pose, ambientada en Malpica e nas Illas Sisargas, narra a historia dunha nai coraxe na súa loita por axudar o seu fillo ante as dificultades. Dela, o xurado destacou “a riqueza léxica, o profundo coñecemento da vida dos mariñeiras da zona e o universo propio que crea o autor”. Pose Porto (Malpica de Bergantiños, 1964) é licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Profesor universitario e escritor, conta cunha interesante biografía literaria con títulos como Donato (2006), Mar de Invernía (2016) ou Escribirme (2019).