Friday 22 de November de 2024

Lete Lasa reivindica o deporte “plural, diverso e igualador” na visita dos rapaces de ASPRONAGA á pista de xeo de Javier Fernández na Coruña


_A pista de xeo, que tamén estará nas cidades de Albacete e Madrid, destina parte da súa recadación a Down España

_En 2019 a Xunta xa colaborou co espectáculo de Javier Fernández ‘Revolution on Ice’ que destinaba un euro de cada entrada ao deporte inclusivo

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe da presentación da pista de xeo de Javier Fernández, dobre campión mundial de patinaxe artística e medalla de bronce nos Xogos Olimpicos de Pyeongchang, en Corea do Sur, instalada na Coruña desde o 27 de novembro ata o vindeiro 9 de xaneiro. No acto, que contou coa presenza do propio Javier Fernández e a participación dunha delegación de rapaces e rapazas da Asociación Pro Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia, ASPRONAGA, Lete Lasa reivindicou o deporte “¬plural, diverso, sen xénero, nin idade, nin raza, enriquecedor da sociedade, transmisor de valores, formador, igualador, motor de cambio social e tamén axente económico determinante”.

A pista de xeo de Javier Fernández, que tamén estará nas cidades de Albacete e Madrid, destinará parte da súa recadación a Down España para facilitar a inclusión das persoas con síndrome de Down. Lete Lasa asegurou que a Xunta de Galicia sempre apoiará as iniciativas que defendan o “Deporte para todos”, que tamén é o lema dunha das iniciativas máis destacadas do Deporte Galgo, a plataforma Galicia Saudable. Neste sentido, lembrou como o Goberno galego tamén colaborou co espectáculo ‘Revolution on Ice’ do propio Javier Fernández que levou ao Coliseum coruñés a mellor patinaxe artística do mundo en 2019 e que destinaba un euro de cada entrada ao deporte inclusivo.

Lete Lasa lembrou asemade que a Xunta leva anos apostando polo deporte inclusivo e adaptado como demostra que, desde o ano 2004, igualáronse as bolsas olímpicas e paralímpicas en todas as liñas.
O responsable da Secretaría Xeral para o Deporte agradeceu o exemplo de Javier Fernández e a súa constante loita pola igualdade escollendo o seu propio camiño e derribando clichés como os que, erroneamente, sitúan a nenos e nenas en deportes específicos. Un camiño, dixo, que o levou a proclamarse “oito veces campión de España, sete campión de Europa, dúas do Mundo e á medalla de bronce olímpica”.