Thursday 21 de November de 2024

Alejandra Fernández Vilela gaña o VII Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón”


Gran participación no VII Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón”, cun total de 67 imaxes enviadas. O xurado destacou a gran calidade técnica e compositiva das fotografías presentadas a este certame, que ten como principal obxectivo dar a coñecer ao público en xeral a diversidade e riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística do municipio.

Do total de 67fotografías presentadas a concurso, o xurado seleccionou un total de 12 finalistas que comporán o tradicional calendario que o Concello de Boqueixón edita todos os anos e co que agasalla á veciñanza polo Nadal. Entre todas as finalistas, o xurado escolleu as tres gañadoras nunha axustada votación.

O primeiro premio foi para Alejandra Fernández Vilela pola súa fotografía “O rei da Ponte”, que recibirá un vale de 200 euros para empregar en calquera establecemento de Boqueixón. O segundo posto foi para Elisabet López Carvalhais por “Pico Sacro e mar de nubes”, cun premio de 100 euros. Os 50 euros do terceiro posto foron para Antía Castro Vázquez por “Amencer desde o Pico”. O axustado da votación queda reflectido en que a fotografía gañadora obtivo 51 puntos, a segunda 50 e a terceira 49 puntos.

O xurado estivo composto por Lorena González Vázquez (Lorena do Merlo – Fotografía), Montserrat Franqueiro Couto (Merillontes – Fotografía), Carlos Suárez González (xornalista de Nós Comunicación) e Rosario Iglesias Iglesias, técnica municipal de Cultura (con voz e sen voto).