Friday 22 de November de 2024

A Xunta convoca axudas por 18,7 M€ para impulsar a xestión dos biorresiduos e os residuos urbanos especiais


— A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destina 8,6 M€ aos concellos para que implanten o quinto contedor no servizo de recollida municipal e 4,9 M€ para que aposten pola compostaxe doméstica ou comunitaria

— A segunda orde promove actuacións para a recollida de aceites domésticos usados, téxtiles e adquisición de puntos verdes móbiles, ás que se destinará un orzamento de 2,2 M€

— A terceira orde está dirixida aos xestores para que se sumen á correcta xestión dos residuos téxtiles, grazas á súa recollida separada para introducilos na economía circular
A Xunta convoca hoxe a través do Diario Oficial de Galicia axudas por un importe de 18,7 millóns de euros para mellorar a xestión e recollida dos residuos urbanos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá en Sanxenxo a convocatoria destas liñas de axudas, das cales dúas benefician directamente aos concellos, que poderán optar a un orzamento de 15,7 millóns de euros.

Tal e como explicou a conselleira, unha das ordes está dirixida á xestión dos biorresiduos; polo que se establece unha liña de axudas por un importe de 8,6 M€ para apoiar aos concellos naquelas accións planificadas para a introdución do quinto contedor no servizo de recollida municipal; mentres que a segunda liña, dotada cun orzamento de 4,9 M€, está centrada na recollida a través da compostaxe doméstica ou comunitaria.

Ángeles Vázquez indicou que o prazo de presentación de solicitudes ábrese mañá, 15 de decembro, ata o 31 de xaneiro de 2022, e recordou que se pode solicitar -de xeito individual ou colectivo- axuda para a adquisición de contedores, caldeiros domésticos para biorresiduos, composteiros domésticos ou comunitarios, biotrituradoras, aireadores, termómetros e tamizadoras ou camións de recollida, así como para a posta en marcha de campañas informativas.

O importe ao que se pode optar acadada un máximo do 90% do custe da actuación, en función das características do proxecto e do tipo de solicitude presentadas polas entidades locais.

Residuos domésticos especiais
A segunda orde de axudas que convoca hoxe e DOG, e que desde mañá xa se poden solicitar, son as axudas para a recollida dos residuos domésticos especiais, é dicir, os aceites domésticos usados, os téxtiles ou os puntos verdes móbiles, como o de Sanxenxo.

Así, a Consellería reservou unha partida de 2,2 M€ para sufragar con ata 15.000 euros iniciativas para a implantación da recollida separada de aceite de cociña usado; no caso de querer mellorar a recollida de téxtiles, as entidades poden acceder a unha subvención conxunta de 40.000 euros e, por último, os concellos galegos que desexen contar cun punto verde móbil, poden solicitar unha axuda de ata 70.000 euros ou de ata 100.000, se a convocatoria é conxunta, para adquirir un vehículo que facilite a recollida de residuos urbanos especiais.

Deste xeito, os concellos dótanse dunha infraestrutura móbil coa que ofrecer un servizo ao cidadán para a recollida e depósito de enseres urbanos, evitando a proliferación de puntos de vertido incontrolado nos espazos naturais ou nas zonas de monte.

Mellorar a xestión dos residuos téxtiles
A conselleira detallou que hoxe o DOG tamén publica unha orde de axudas dirixida exclusivamente aos xestores (pemes, autónomos, asociacións e fundacións) co fin de que se sumen á correcta xestión dos residuos téxtiles, co fin de potenciar a recollida separada e, tras o seu tratamento adecuado, volver a introducilos na cadea produtiva como unha nova materia prima.

Grazas a esta liña actuación, dotada con 3 millóns de euros, ofrécese unha resposta aos residuos que xera o sector téxtil en Galicia e sobre todo á necesidade de pechar o ciclo dos materiais empregados no sector e consumidos polo gran público.

A conselleira destacou que este tipo de apoios son medidas de referencia para outros sectores, co fin de que se implante a economía circular, onde os residuos se converten en novos materiais cunha nova vida útil.

Por último, recordou que as actuacións forman parte da Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023, para optimizar os servizos de recollida de residuos urbanos e impulsar a economía circular desde o eido local. Indicou que conta con 60 millóns de euros para habilitar incentivos e activar unha rede de infraestruturas para a valoración da materia orgánica.

No seguinte cadro resúmense as ordes de axudas, e diferentes liñas de actuacións, que se convocan hoxe no DOG:

ACTUACIÓN LIÑA IMPORTE LIÑA ACTUACIÓN IMPORTE

ORDE

PRAZO SOLICITUDES
Recollida separada dos biorresiduos Quinto contedor 8,6 M€ 13,5 M€ Ata o 31 de xaneiro
Compostaxe 4,9 M€
Recollida dos residuos domésticos especiais Aceites usados 200.000 € 2,2 M€
Téxtiles 536.276 €
Puntos verdes móbiles 1,47 M€
Axudas a xestores para a correcta xestión dos residuos téxtiles Medidas encamiñadas a potenciar a recollida separada   3 M€
Total                                                                           18,7 M€