Friday 22 de November de 2024

A presentación do libro “Rosas y Espinas”, da brionesa María Antonio Cao López, abre este xoves a programación de Nadal de Brión


Toda a programación é de balde, previa reserva de entrada

A presentación do libro “Rosas y Espinas” de María Antonia Cao López, brionesa de nacemento e residente en Barcelona, abrirá este xoves o Bo Nadal, a programación cultural do Concello de Brión para este mes de decembro. Será o xoves 16 de decembro, ás 20:30h. na sala municipal de exposicións da Casa da Cultura e, como toda a programación cultural, a asistencia será gratuíta pero con reserva previa de localidade, nesta ocasión no mail: bibliotecadebrion@briondixital.org.

“Rosas y Espinas” é unha novela publicada por Letrame que conta a viaxe que Marian emprende cara un lugar descoñecido coa ilusión de triunfar no amor e deseñar a súa vida. Un camiño e uns soños que persegue tamén Eduardo, o que os levará a un encontro coas adversidades que lles impuxo a vida.

Pombas de xabón e música

Esta presentación abre a ampla e totalmente gratuíta programación de Nadal do Concello de Brión, onde a maioría de actividades están programadas especialmente para a rapazada e pensadas para o desfrute da familia ao completo. Iso si, todos os espectáculos requiren de reserva previa a través de bandoticket.com.

Así, para o sábado 18 de decembro, o centro social polivalente acollerá ás 18:00 horas a obra “Os Fabulosos Cleaners”, de Malasombra Teatro, un divertido espectáculo de pompas de auga e xabón dirixido a un público familiar a partires dos 3 anos. E o mércores 22 de decembro, ás 18:00 horas, Loli e os Reis do Ritmo presentan “Un Nadal con ritmo” no centro social polivalente.

Loli Nogueira, finalista do programa “Tú si que vales”, xunto con Alejandro Casquero (teclados), Iván Barreiro (guitarra) e Carlos Arévalo (batería) deleitarannos ao público asistente cunha reinterpretación das panxoliñas coñecidas por todos. Pop, rock, disco, folk, swing, reggae, rumba, etc… son algúns dos estilos que compoñen este show ameno e divertido para que a familia ao completo desfrute coa música en directo.

Festival de Monicreques

A 26 edición do Festival de Títeres de Nadal terá lugar os días 27, 28 e 29 de decembro, ás 17:30 horas, no polivalente. Actuarán Títeres Alakrán, que presentará a súa obra “Desconexión” (luns 27), Títeres Tanxarina coa obra “A galiña Azul” (martes 28) e A Xanela do Maxín pechará o festival con “O apalpador e a nena sen medo” (mércores 29).

Para completar esta programación o día 5 de xaneiro terá lugar a tradicional visita das SS.MM. Os Reis Magos de Oriente, cuxo formato dependerá das condicións sociosanitarias vixentes no seu momento.