Friday 22 de November de 2024

O Concello colabora con oito emisoras locais no programa solidario A Radio Conta, que axudará a visibilizar a saúde mental


A iniciativa, que chega este ano á súa novena edición, celebrarase o día 26 de decembro no Teatro Rosalía

A alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey, o xornalista Moncho Viña, a xerente da Asociación Pro Enfermos Mentais da Coruña (APEM), Antía Muruzábal, e o actor e humorista Xosé Antonio Touriñán presentaron hoxe no Salón Real de María Pita a novena edición do programa A Radio Conta, unha iniciativa de carácter benéfico na que participan, ano tras ano, oito emisoras locais da cidade: Radio Galega, Radio Nacional de España, Radio Coruña-Cadena SER, Radio Voz, Onda Cero, Radio Marca, COPE e InterCoruña Radio.

O proxecto, creado no ano 2013, é único en España e persegue dous obxectivos: o primeiro; axudar e dar visibilidade ás entidades sociais; e, por outra banda, reivindicar o traballo das radios e emisoras de carácter local. Nesta ocasión, o núcleo do programa, de carácter coral e que implica a máis de trinta xornalistas durante as horas de directo, será o tratamento da saúde mental, unha cuestión que da continuidade á liña xa marcada durante a pasada edición, cando se abordou o día a día das persoas e entidades que estiveron en primeira liña na loita contra a pandemia da Covid-19.

Trala retransmisión especial do ano 2020, marcada polas circunstancias da crise sanitaria, o programa A Radio Conta volverá o próximo 26 de decembro ao formato presencial. Será no Teatro Rosalía, aínda que non haberá público polas actuais circunstancia sanitarias.

Poderase escoitar nas ondas das radios participantes, a partir das 17.00 horas, e tamén por streaming, grazas á colaboración do Concello da Coruña.

A alcaldesa, Inés Rey, valorou a continuidade no tempo de A Radio Conta. Neste sentido, Rey amosou o seu agradecemento ás emisoras, entidades sociais e convidados que, desde a posta en marcha do proxecto, sumaron o seu gran de area para visibilizar cuestións como a loita contra o cancro ou o síndrome de Asperger. “A abordaxe da saúde mental é unha cuestión de todos, unha cuestión de Estado. Tanto as Administracións públicas, como as entidades sociais e os medios de comunicación xogamos un papel clave. Moitas veces, os trastornos de ansiedade e depresión están ocultos, e as persoas que os padecen parecen levar unha vida normal”.

As historias cotiás e o humor, protagonistas
O contido do programa A Radio Conta basarase, unha vez máis, nunha maratón de intervencións, testimonios e historias nas que haberá protagonismo para a directiva e persoas usuarias de APEM, unha entidade que ofrece rehabilitación psicosocial e laboral a persoas con enfermidades mentais.

Haberá tempo para momentos emotivos e as doses de humor, coa presenza, entre outros, de Xosé Antonio Touriñán e David Perdomo. Ademais, o evento contará coa música en directo do Coro Xove da Orquesta Sinfónica de Galicia, Radio Océano, Lucía Pérez e Vizcaíno, e unha competición de Cantares de Bar entre A Coruña e A Veiga-Vegadeo.

Tamén participarán Enmanuel Reyes, boxeador galego e medallista olímpico, así como dúas figuras recoñecidas no mundo do atletismo e a moda, Pepín Rioseco e Andrés García-Carro.

Non faltará o radioteatro, unha sección clásica das últimas edicións de A Radio Conta. O guionista Óscar Cruz editou tres pezas escritas especialmente para o programa, que renderá homenaxe á actriz María Casares e ao cinesta José Sellier, a piques de cumprirse os cen anos do seu nacemento e morte, respectivamente.