— O delegado da Xunta visitou o Balneario de Carballo un dos beneficiarios destas axudas que recibiu un apoio de máis de 26.000 euros
— A través de Turismo de Galicia aportáronse case 140.000 euros a proxectos que permitiron a execución de actuacións orientadas á eliminación de barreiras arquitectónicas, mobiliario ou mellora da eficiencia enerxética
— O Goberno galego incrementou nun 20% o investimento desta liña de axudas creada en 2018 para mellorar os establecementos turísticos
— Esta foi a primeira edición na que se incorporaba unha liña dirixida a restaurantes
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o balneario de Carballo para informar que a Xunta concedeu axudas para a mellora dos 11 establecementos de aloxamento turístico e de restauración por importe de case 140.000 euros. Concretamente o balneario de Carballo recibiu unha achega de 26.000 euros.
A convocatoria destas axudas para financiar actuacións de mellora de infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración permitiu levar adiante proxectos dirixidos fundamentalmente a financiar, entre outras actuacións, accións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas nestes negocios; obras para a optimización das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística; ou actuacións para incrementar a clasificación do establecemento e elevar a súa categoría.
Tamén se inclúen iniciativas de climatización que favorezan a sustentabilidade introducindo medidas de aforro enerxético; a modernización das instalacións e do embelecemento do entorno; ou a renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento dos establecementos.
A través desta liña de apoios creada en 2018, a Xunta subvencionou proxectos de mellora das infraestruturas turísticas cunha achega autonómica de máis de 3,7 millóns de euros co obxectivo de incrementar a calidade, a accesibilidade e a sustentabilidade da oferta turística galega.
Reactivación sector turístico
Na visita o delegado da Xunta lembrou que entre os dous Plans de Rescate, o Goberno galego mobilizou máis de 182 millóns de fondos propios a autonómos, microempresas e negocios de hostalería. Case a metade do orzamento corresponde á hostalería con case 90 millóns de euros.
Entre estes 90 millóns de euros dos Plans de Rescate da Xunta e os 31,2 millóns das distintas convocatorias de axudas destinadas ao sector turístico e aos concellos e entidades para actuacións relacionadas con este ámbito, o Goberno galego leva investidos neste ano máis de 120 millóns de euros na reactivación do turismo galego.
Neste investimento inclúense os 16 millóns de euros do último paquete de axudas que se repartiron, con liñas dirixidas a apoiar o funcionamento das axencias de viaxes, á mellora das infraestruturas turísticas dos concellos de ata 10.000 habitantes, así como á adquisición de equipamentos poscovid como medidores da calidade de aire dos locais de hostalería e aloxamentos e ao apoio en medidas de dixitalización e promoción destes negocios para captar visitantes.
AXUDAS ALOXAMENTOS TURÍSTICOS
NOME COMERCIAL | CONCELLO ESTABLECEMENTO | SUBVENCIÓN |
Balneario de Carballo | Carballo | 26.524,39 € |
Hotel de Naturaleza AV SL | Cee | 7.429,58 € |
Hotel Insua | Cee | 14.720,85 € |
Hotel Langosteira | Fisterra | 2.120,20 € |
Hotel Vida Finisterre Centro | Fisterra | 34.881,35 € |
Hotel Playa de Laxe | Laxe | 1.372,50 € |
A Torre de Laxe | Laxe | 4.661,25 € |
Casa Fontequeiroso | Muxía | 3.170 € |
TOTAL | 8 | 94.880,12 € |
AXUDAS LOCAIS DE RESTAURACION
NOME COMERCIAL | CONCELLO ESTABLECEMENTO | SUBVENCIÓN |
Raxería Río Sil | Carballo | 34.921,00 |
O Fragón | Fisterra | 8.909,00 |
Restaurante A Lareira | Fisterra | 1.178,73 |
TOTAL | 3 | 45.008,73 € |