― Galicia contará entre febreiro e xullo de 2022 con catro novas lanzadeiras coas que contribuír á inserción laboral de persoas de 18 a 60 anos
― A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, que participou na presentación da nova convocatoria, puxo en valor a vertente tecnolóxica que estas ferramentas veñen de adquirir
― A experiencia do éxito da Xunta no apoio ás lanzadeiras se reflicte en que desde 2013 contribuíron a mellorar a situación laboral de cerca de 600 galegas e galegos
A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe na presentación das catro novas lanzadeiras Conecta Emprego -na Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo- que axudarán desde febreiro á inserción laboral de 120 persoas desempregadas da comunidade.
Toca -que compareceu acompañada da Coordinadora Territorial de Fundación Santa María a Real, Sonia González; e o director de Relacións Institucionais de Fundación Telefónica, Joan Cruz- aproveitou a oportunidade para destacar esta metodoloxía “avanzada, moderna e colaborativa” que reinventa a orientación laboral para a creación de emprego estable. De feito, na súa última edición do ano 2021, o 40% das persoas participantes nestas plataformas acadaron mellorar a súa situación laboral.
As Lanzadeiras Conecta Emprego están apoiadas pola Xunta e impulsadas pola Fundación Santa María la Real e a Fundación Telefónica. Trátase dun programa gratuíto de orientación laboral para guiar a persoas en situación de desemprego cara a reactivar a súa procura de traballo mediante a formación en novas técnicas e ferramentas, co obxectivo de que reforcen as súas competencias transversais e dixitais, para adaptalas ás demandas do mercado laboral.
En febreiro estrearanse catro novas lanzadeiras da Coruña, Santiago de Compostela, Ourense e Vigo, que permanecerán operativas ata finais de xullo de 2022. Cada unha delas ofrece un máximo de 30 prazas que poden ocupar homes e mulleres en paro ou desemprego, con idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos. As Lanzadeiras Conecta Emprego son ademais gratuítas e abertas a persoas con calquera nivel de estudos e experiencia profesional, que poden ter ou non.
A directora xeral de Emprego subliñou a vertente máis tecnolóxica e próxima á realidade que esta iniciativa ven adquirindo nos últimos anos o que supón, segundo reflectiu, un valor engadido para axudar á empregabilidade das persoas participantes. “A inclusión das competencias e capacidades dixitais resulta imprescindible á hora de atopar traballo”, destacou Toca.
O prazo de inscrición nas Lanzadeiras estará aberto desde hoxe e ata o 14 de febreiro e as persoas interesadas en participar poden realizar a súa inscrición de xeito presencial nas oficinas de emprego da Coruña (rúa Orillamar), Santiago de Compostela (rúa Ramón Piñeiro), Ourense (rúa Progreso) e Vigo (rúa López Moura); ou ben por vía telemática na web www.lanzaderasconectaempleo.es.
A experiencia da Xunta con estes instrumentos reflicte o éxito nos últimos anos nos que as diferentes lanzadeiras de emprego conseguiron unha elevada porcentaxe de inserción laboral, obxectivo último destas iniciativas encamiñada a mellorar a ocupación dos beneficiarios.
Desde 2013 ata a actualidade, Galicia contou con 39 lanzadeiras que chegaron a 925 persoas en desemprego. Un 60% dos participantes mellorou a súa situación laboral ao atopar un traballo por conta allea, emprender, obter certificados de profesionalidade e aumentar a súa formación para abrir novas oportunidades laborais.