Friday 22 de November de 2024

Moeche instalará iluminación LED no entorno da Casabranca


O Concello de Moeche encargou a redacción de varios proxectos para instalación de iluminación LED e aforro enerxético, uns para co-financiar con fondos propios e outros para presentar ás convocatorias de fondos europeos. Na primeira fase actuarase no entorno máis próximo da Casa Niño e a Casa do Maior e nunha segunda fase o investimento estenderase ao conxunto do lugar da Casabranca, en liña coas actuacións de mellora e eficiencia enerxética realizadas nos últimos anos, tanto na AC-862, estrada xeral, como no núcleo de San Ramón.

O primeiro dos proxectos céntrase na Casabranca e permitirá a instalación dunha nova iluminación de tecnoloxía LED na zona. Nunha primeira fase actuarase no entorno máis próximo da Casa Niño e a Casa do Maior, cun importe estimado de 9.000,00 €, por medio da instalación de novos báculos e a ampliación dos actuais puntos de luz. Nunha segunda fase o investimento estenderase ao resto do lugar, desde o recinto feiral ata pasar o campo de fútbol, ao longo da estrada provincial.

Os técnicos da FAEPAC visitaron o lugar hai tres semanas para as medicións oportunas de cara á definición deste proxecto co obxectivo de presentalo ás novas liñas de axudas e solicitar os correspondentes permisos sectorais, nomeadamente a Patrimonio Cultural. O investimento permitirá seguir reducindo o consumo e a factura eléctrica ademais de mellorar a iluminación na zona.

Adxudicadas as obras de rehabilitación da nave do polbo de San Ramón
A Xunta de Goberno Local de Moeche acaba de adxudicar as obras de mellora da nave do polbo de San Ramón por un importe de 97.168,34 euros a Construcciones Guerreiro S.L. Estas obras están co-financiadas con cargo aos fondos do Plan complementario da Deputación da Coruña e dos fondos do propio Concello. As obras darán comezo a semana do 13 de decembro co obxectivo de rematalas para poder abrir o espazo antes da feira do 23 de abril de 2022. Posteriormente o Concello procederá a licitación pública do uso do espazo.

A execución destas obras é un paso máis na renovación e mellora do conxunto do recinto feiral iniciada hai uns anos e suporá a renovación das instalacións co obxectivo de adaptalas á normativa sobre accesibilidade, renovar o aspecto exterior e interior que se centra no cambio da cuberta, das carpintarías e a construción duns novos aseos. Procúrase reconverter a nave nun lugar con mellores condicións de uso e cun aspecto que siga a liña doutras construcións do recinto reparadas en exercicios anteriores, como foi a Nave do Mercado

Substituiranse as fiestras e portas, amañarase o chan, pintarase o edificio por dentro e por fóra e refarase por completo a instalación eléctrica e da fontanería e retirarase a vella cuberta de fibrocemento para o seu cambio por outra de tipo “panel-sandwich”, en cor verde similar á xa instalada nos outros edificios rehabilitados. A actuación permitirá adaptar o edificio á normativa de accesibilidade preparando unha entrada sen barreiras arquitectónicas pola súa parede sur e construíndo uns aseos con dimensións axeitadas que poidan ser utilizados por persoas con mobilidade reducida ou en cadeira de rodas.