Friday 22 de November de 2024

O Concello inicia unha experiencia piloto que agasallará con vasos reutilizables a clientela de cinco cafeterías da cidade


O programa ‘Coffee: un vaso, moitos cafés’ ten como obxectivo substituír os envases dun só uso deste tipo de establecementos

No marco da Semana Europea para a Prevención de Residuos (EWWR) o Concello da Coruña, a través da Concellería de Medio Ambiente, organiza diferentes campañas de sensibilización para a poboación xeral, co foco posto na redución de residuos, a recuperación de materiais e a concienciación cidadá cara á economía circular.

A primeira campaña que se porá en marcha será ‘Coffee: un vaso, moitos cafés’, que consiste nunha acción piloto para estudar a redución na utilización de vasos dun só uso para o café na hostalaría. Para esta acción o Concello da Coruña contará coa colaboración de cinco establecementos: Astro Café (San Andrés, 159 e Alcalde Marchesi, 4), Siboney (Rúa Ferrol, 14 erúa Nova, 28) e Café Olimpia (Rúa Álvaro Cebreiro coa rúa Olmos).

Esta iniciativa comezará o próximo xoves 16 de decembro. Durante os días que dure a campaña obsequiarase a clientela que o desexe cun envase reutilizable de café para levar, que substitúa os vasos dun só uso que, polo xeral, non son 100% reciclables.

O obxectivo desta campaña é comprobar a viabilidade da transición cara a hábitos máis sostibles nas accións diarias, reducindo os residuos que xeramos de xeito cotián e fomentando hábitos de consumo máis sostibles, coa visión posta na aplicación dos principios da economía circular desde o concreto e o local.

Na actualidade en España descártanse ao ano case 1.500 millóns de vasos de café dun só uso, que resultan difíciles de reciclar e que rematan en vertedoiros ou sendo incinerados.

Con esta acción, o Concello da Coruña busca estudar a posibilidade de reducir a xeración destes residuos, concienciando a cidadanía e testando a viabilidade de estender nun futuro esta acción piloto a máis establecementos hostaleiros.