O novo tramo salvará un punto especialmente complexo para as bicicletas como é a rotonda das Paxariñas
O Concello da Coruña adxudicou este venres, por 188.133 euros, a contratación da execución das obras para a disposición dun novo carril bici entre a glorieta de Elviña e a avenida de Pablo Picasso, traballos que serán cofinanciados nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). As obras serán realizadas pola construtora Arias Infraestructuras.
O proxecto, que se enmarca dentro da batería de iniciativas do Goberno municipal de Inés Rey para impulsar a mobilidade alternativa, está ideado para dispoñer un carril ciclista que cruce a rúa José Miñones Bernárdez para conectar os carrís xa existentes na avenida Salvador de Madariaga e Pablo Picasso, multiplicando as posibilidades de combinación para a cidadanía que aposta polo uso de vehículos non motorizados e salvando un punto especialmente complexo para as bicicletas como é a rotonda das Paxariñas.
O novo carril ciclista está diferenciado en tres tramos: no primeiro e o terceiro, antes e despois da rotonda das Paxariñas, instalarase un carril ciclista unidireccional a ambos lados da calzada, seguindo a dirección do tráfico motorizado; e, por outra banda, no tramo intermedio, para efectuar o cruce da rotonda, trasladaranse ámbolos sentidos da circulación do carril ciclista a un mesmo lado, ocupando e ampliando a beirarrúa existente pola marxe sur da rotonda.
Os traballos, que terán unha duración de tres meses desde o inicio ata a finalización das obras, aproveitaranse para reordenar os espazos peonís, ampliando os cruces próximos co obxectivo de mellorar a visibilidade e tamén a accesibilidade xeral dos traxectos peonís, para favorecer o seu uso por parte de persoas con mobilidade reducida.
Os detalles do carril bici
Para a correcta disposición do carril ciclista levarase a cabo o fresado do pavimento existente e, a continuación, estenderase unha capa de 3 centímetros coa mezcla bituminosa, pigmentada en vermello. O carril será de 1,70 metros de ancho cando os sentido de circulación do mesmo estén separados por calzadas. Na zona onde ámbolos dous sentidos se unen terá unha anchura de 3 metros.
Ademais, na zona de cruce da rotonda baixo o viaduto de Alfonso Molina será necesario levar a cabo unha ampliación da plataforma peonil na que se incorporará o paso ciclista. Neste caso, o carril ciclista non se incluirá na calzada para non reducir a seguridade vial dos vehículos da glorieta. Neste tramo, para executar a ampliación da beirarrúa, será preciso remeter un terraplén existente, recuberto por chousas de pedra natural, por medio dun muro de hormigón.
A contorna gañará máis zonas verdes
O proxecto contempla a ampliación de zonas verdes, plantándose novos exemplares de árbores e co trasplante das existentes que sexan incompatibles coa nova configuración disposta, trasladando as mesmas ás zonas verdes próximas.
Ademais, instalarase un novo aparcabicis na contorna do mercado de Elviña.