Os traballos acometeranse nos peiraos de Celeiro (Viveiro), Burela, O Vicedo, Mugardos, Cariño, Fisterra, Corcubión, Rianxo, Ribeira, Pontecesures, Cangas, Moaña, Bueu, Beluso (Bueu), Tragove (Cambados), Carril (Vilagarcía), Cesantes (Redondela), Arcade (Soutomaior), O Xufre (A Illa de Arousa) e Santa Cristina de Cobres (Vilaboa)
Portos de Galicia investirá un total de 162.000 euros en actuacións de conservación e mantemento de pantaláns nas tres provincias costeiras. O ente público que preside José Juan Durán está a tramitar e executar xa estas actuacións que permitirán mellorar a seguridade das embarcacións amarradas nos pantaláns dos peiraos autonómicos así como a dos usuarios que transitan por elas.
Esta partida orzamentaria destinarase a obras e traballos de diferentes envergadura e características, pero en todo caso destinados a un mellor estado de conservación das instalacións flotantes. Así, repararanse, entre outros, rodillos, tablas, parafusos, defensas, pavimentos de madeira, estruturas de aluminio e flotadores. Ademáis, incluiranse traballos de mantemento dos chamados ‘fingers’, brazos de amarre perpendiculares aos pantaláns.
Os traballos terán lugar en peiraos de todo o litoral galego. Así, acometeranse melloras nos portos de Celeiro (Viveiro), Burela, O Vicedo, Mugardos, Cariño, Fisterra, Corcubión, Rianxo, Ribeira, Pontecesures, Cangas, Moaña, Bueu, Beluso (Bueu), Tragove (Cambados), Carril (Vilagarcía), Cesantes (Redondela), Arcade (Soutomaior), O Xufre (A Illa de Arousa) e Santa Cristina de Cobres (Vilaboa). A maiores destas, poderan executarse outras obras de mellora que procedan en distintos puntos do litoral.
Con este investimento, Portos de Galicia dará resposta as demandas trasladadas polos usuarios portuarios e nomeadamente o sector profesional. Así mesmo, o ente público prioriza as reparacións relativas á seguridade coas primeiras achegas económicas que se producen de xeito inmediato trala apertura do orzamento público anual.
Contrato unificado de mantemento
Finalmente, Portos ten previsto, de cara ao vindeiro ano, a tramitación dun concurso público para a contratación do servizo unificado de mantemento de pantaláns. Deste xeito, encargarase a unha empresa do sector esta función nunha determinada franxa litoral que aglutine varios portos. A empresa adxudicataria será encargada tamén das accións de prevención de danos nestas instalacións.